148. Un xacemento en movemento
A palabra xacemento parece traer conectadas a ela as ideas de 'estabilidade', 'repouso', 'inmobilidade' ou outras semellantes. No entanto, se analizamos a forma en que é tratada pola norma léxica do galego, esta estabilidade transfórmase en movemento, pois foise desprazando desde un estatus de "incorrecta" a ata outro en que parece ser acollida entre as formas galegas lexítimas.
Nun pasado non tan afastado (1997) a Real Academia Galega establecía no seu Diccionario que *xacemento era unha forma que cumpría evitar e que no seu lugar debiamos empregar "depósito", tanto no ámbito da minaría como no da arqueoloxía. No entanto, algúns dicionarios de referencia en Galicia, como os elaborados pola editorial Xerais trataban xa daquela xacemento como unha forma correcta.
Por outra parte, nos ámbitos puramente profesionais, a recomendación da RAG era acollida con moitas reservas, xa que se argumentaba que as características do termo xacemento non se describían acaídamente con depósito, que parecía remitir a un lugar de almacenamento. Isto fixo que os depósitos arqueolóxicos ou de mineral convivisen con xacementos arqueolóxicos/minerais, ou que se intentase estender o uso de denominacións alternativas (como xacigo mineral/xacigo arqueolóxico) que evitasen a forma supostamente imprecisa sen por iso ter que empregar unha desaconsellada. Como nota á marxe, cabe aclarar que o uso de xacigo -que en galego ten o sentido de 'sepulcro'- pode explicarse por préstamo do portugués, pois esta palabra, grafada como jazigo, designa a 'concentração natural de minério'.
Pero, a medida que os anos ían pasando, o criterio da RAG comezou a desprazarse, polo menos parcialmente. Así, mentres no Dicionario castelán-galego (2004) se segue propoñendo depósito como equivalente do castelán yacimiento, no Vocabulario ortográfico da lingua galega, editado o mesmo ano, inclúese xacemento como unha forma galega correcta. E no Dicionario visual da construción (tamén de 2004 e revisado por Termigal) preséntase a equivalencia ES: yacimiento arqueológico // GL: xacemento arqueolóxico.
Se a esta indefinición académica lle sumamos o feito de que a maior parte dos dicionarios de entidades privadas seguiron mantendo o significado de xacemento que a RAG desaconsellaba, non é estraño que o usuario final non saiba se debe evitar ou non esa palabra.
Na nosa opinión, non se trata dun caso doado. Non se pode rexeitar xacemento argumentando simplemente que é un castelanismo, cando formas derivadas da idea de 'xacer' están presentes tamén en catalán (jaciment), francés (gisement), italiano (giacimento) e ata certo punto en portugués (jazigo ou jazida). Pero tampouco se pode obviar que o influxo do castelán favoreceu a súa introdución (nos exemplos galegos máis antigos a forma que atopamos é *xacimento, claramente contaminada polo castelán) e potenciou a súa difusión. Por iso, pensamos que mentres a RAG non teña un criterio uniforme sería aconsellable tratar como sinónimas as formas depósito e xacemento para designar a 'concentración na terra de substancias minerais'. Pola contra, para nomear a 'concentración nun lugar de restos arqueolóxicos ou fósiles' posiblemente sería mellor evitar o emprego de xacemento e botar man de sitio, que é a forma máis coherente coa maioría das linguas do noso contorno. |