Pasar al contenido principal

140. Castelanismos agachados debaixo dun casco: a "carrileira"

Un idioma preciso

Nestas últimas semanas, as imaxes dos traballadores dedicados a combater os incendios forestais volveron a aparecer case a diario en moitos medios de comunicación, e canda elas as queixas e denuncias sobre as deficiencias dos equipos de protección individual con que traballan.

 

Un dos elementos básicos dese equipo é o casco de seguridade ou casco de protección, que normalmente se suxeita firmemente á cabeza por medio dunha cadeíña ou correa axustable que se pasa por debaixo do queixo, e que segundo algúns dicionarios galegos debemos chamar carrileira.

 

A escolla desta denominación -e xa chegamos ao asunto que nos vai ocupar hoxe- chamou a nosa atención, así que intentamos atopar rastros do seu uso. Nos corpus da lingua galega que consultamos a palabra aparece sempre vinculada a outros conceptos, en concreto ao de 'camiño estreito, destinado ao paso de carros'. Onde si aparecía documentada era nos dicionarios galegos dos séculos XIX e XX, pero o rastro que alí se nos ofrecía era ben curioso.

 

Xa desde o século XIX estes traballos incluían unha entrada carrilleira, que se facía equivaler ao castelán carrillera, e á que se lle outorgaban os significados de 'camiño ou un paso para carros' e de 'cinta ou cordón para asegurar o sombreiro'. O primeiro deles pode documentarse en textos galegos de calquera época, pero o segundo parece unha traslación dun dos significados da palabra castelá: o proceso denominativo que en castelán tiña coherencia lingüística interna, xa que a zona da cara pola que pasaba esa cinta recibía o nome de carrillo, en galego perdíaa totalmente en galego, pois esa rexión da cara é coñecida entre nós como meixelafazula ou faceira.

 

Tal vez foi esa percepción de que carrilleira era un castelanismo a que provocou que a partir do Diccionario galego-castelán de X. L. Franco Grande (1972) o concepto 'cinta ou correa que se emprega para suxeitar por debaixo da barba un casco ou un sombreiro' pasase a designarse como carrileira, de aparencia máis galega ao perder ese -ll-. Se cadra, ese cambio na aparencia da denominación -que segue sendo tan castelanismo coma antes- explica que se coase ata dicionarios contemporáneos de referencia, e aínda ata obras avaladas pola Real Academia, como as que ligamos no segundo parágrafo.

 

Despois de toda esta viaxe esperamos que quede claro por qué carrilleira e carrileira son, referidos á correa que suxeita o casco de seguridade, castelanismos. E probablemente tamén o serán outras formas atopadas en diversos documentos, como barboqueixobarbuqueixo ou barbaqueixo, se temos en conta que o nome máis habitual en castelán para ese concepto é barboquejo.

 

Temos pois, que seguir buscando un nome galego para esa correa, e neste caso as linguas do contorno non parece de moita axuda, pois optan por camiños moi diverxentes, desde as que empregan formas puramente descritivas, como o inglés chinstrap, ata as que parecen conservar ou actualizar palabras patrimoniais de cada unha das linguas respectivas, como fan o francés (jugulaire), o catalán (barballera) ou o portugués (francalete).

 

En galego, parécenos que o mellor é recomendar o uso de barbicacho, definido no Gran dicionario Xerais da lingua como 'cordón, fita ou cinta que pasa por baixo do queixo para suxeitar a gorra, o sombreiro ou o casco', e recollido tamén en dicionarios casteláns e portugueses. Segundo os dicionarios galegos de finais do XIX e comezos do XX era unha 'cinta ou pedazo de coiro trenzado que nos xugos da canga permitía suxeitar os animais a eles pasándolles por baixo do pescozo', tamén coñecida como pioga ou apear, polo que a reutilización da palabra patrimonial para o novo concepto ten agora a coherencia interna que non atopamos cando analizabamos a recomendación de carrileira.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.