Pasar al contenido principal

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Un idioma preciso

Durante esta fin de semana, os medios de comunicación volveron traer ao primeiro plano unha especie vexetal que hai tres anos xa acadara unha efémera e lamentable relevancia por mor da destrución dunha das súas maiores poboacións en Galicia.Erodium maritimum

 

Referímonos á Erodium maritimum, unha especie que no Estado español só se conserva en puntos concretos da costa galega (especialmente en Santo Andrés de Teixido e, polo que se vén de descubrir, en Sálvora) e na illa balear de Sa Dragonera. Vista esta distribución, non pode estrañar que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado a cataloguen como "en perigo de extinción".

 

Ao tratarse dunha especie moi pouco frecuente, non se lle coñecen nomes populares en ningunha das linguas da Península. Por iso, acábase recorrendo ao nome científico ou ao nome común que se lle aplica a todas as especies do seu mesmo xénero. No caso galego, estas formas son herba agullaherba agulleira ou agulleira.

 

Pero facendo iso, estamos empregando un mesmo nome para diversas especies de Erodium, para moitas de Geranium e aínda para a Scandix pecten veneris. O resultado vai ser unha ambigüidade que deberiamos evitar.

 

Posiblemente, a mellor forma de facelo sexa intentar asentar para o Erodium maritimum unha denominación galega, coherente cos padróns desta lingua, coas características da especie e cos exemplos que poidamos atopar noutros idiomas.

 

Por iso propoñemos o emprego de agulleira mariña ou herba agulla mariña xa que:

  • conserva a característica identificadora da especie no seu nome taxonómico (Erodium maritimum)
  • aplica un padrón denominativo produtivo en galego á hora de nomear especies botánicas: acelga mariña (Beta maritima), eiruga mariña (Cakile maritima), macela mariña (Matricaria maritima)...
  • concorda coa forma elixida en inglés para nomear a mesma especie (Cfr. stork's-bill e sea stork's-bill).
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.