Pasar al contenido principal

128. Pregúntelle á azafata.

Un idioma preciso

Existen unha serie de ocupacións relacionadas co ámbito dos servizos persoais que en castelán inclúen a forma azafato -ta na súa denominación; pero ao intentar referirnos a elas en galego non sabemos moi ben como chamarlles xa que, segundo os materiais de consulta que manexemos, recoméndansenos formas distintas.

 

Por exemplo, a RAG contradiciuse a si propia nun mesmo ano (2004) avalando o emprego de azafata no seu Vocabulario ortográfico, e rexeitándoo explicitamente no Dicionario castelán-galego, onde propuxo como alternativas auxiliar de voo ou auxiliar de congreso. Con algunha excepción,1 os outros dicionarios de lingua, aínda os editados a partir de 2004, veñen incluíndo azafata como unha forma válida en galego.Auxiliar de voo

 

Desde un punto de vista estritamente lingüístico, estamos diante dun castelanismo que esta lingua importou do árabe, e que neste momento ningún idioma do noso contorno emprega para referirse ás categorías profesionais que nos ocupan (o que a priori desaconsellaría a súa incorporación ao galego).

 

Unha delas agrupa o persoal que ten como cometido prestar servizos persoais dirixidos a asegurar a comodidade e a seguridade dos pasaxeiros de determinados medios de transporte -nomeadamente avións-, tanto durante o traxecto como durante as actividades previas e posteriores a este. En inglés coñécese como flight attendantcabin crewsteward/stewardess ou air host/hostess; en francés como personnel navigant commercialhôtesse de l’air ou steward, e en portugués como assistente de bordo ou hospedeiro/hospedeira.2 Para designar especificamente ao persoal que desenvolve as mesmas funcións fóra do medio de transporte empréganse variantes desas denominacións (por ex. en castelán azafata de tierra).

 

Outra inclúe aqueles traballadores e traballadoras que executan diversas tarefas relacionadas coa preparación e realización de congresos, encontros,
feiras e outros acontecementos semellantes: preparación e reparto de documentación, preparación das salas ou espazos de traballo, atención e información aos participantes... Chámaselles conference assistant en inglés, assistente de congressos en portugués e azafata de congresos en castelán.

 

Se sumamos o feito de que azafato -ta é un castelanismo evidente, e que a vía alternativa pola que parece apostar a RAG no seu Dicionario castelán-galego concorda ben coas formas empregadas nas linguas veciñas, parece claro que debemos evitar o uso dese substantivo.

Por iso, pensamos que é mellor tomar auxiliar ou asistente como núcleos das diversas denominacións, que despois se irán completando con elementos que describan as características particulares de cada unha das ocupacións. Así, falariamos de auxiliar de voo (ou auxiliar de a bordo), de auxiliar de congresos, auxiliar de exposicións...

 

----------------------------------

 

[1] No Léxico de transporte turístico a contradición chega ao interior da propia obra. Vemos como se recomenda auxiliar de voo como equivalente do castelán azafata de vuelo, pero á vez inclúese a entrada azafato -a de terra.

 

[2] En realidade, entre as denominacións que acabamos de indicar para cada lingua existen diferenzas en canto ao seu nivel de formalidade: mentres que as primeiras son as formas 'oficiais' de designar a categoría profesional, as segundas empréganse nun nivel máis popular. Algo semellante ocorre en castelán, onde auxiliar de vuelo ou tripulante de cabina de pasajeros funcionan nun nivel de lingua formal en que non se adoita empregar azafato -ta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.