122. Desvíos que nos levan a encrucilladas
Un dos conceptos estatísticos con que primeiro ten que enfrontarse o estudantado é o que poderiamos definir como 'a diferenza existente entre un dato, un elemento ou unha curva dun conxunto estatístico con respecto ao termo medio ou á maioría deste conxunto'. Non pensedes que o presentamos a través da definición para poñer a proba os vosos coñecementos matemáticos, é que a estas alturas aínda non acaba de quedar claro cómo deberiamos chamarlle en galego.
En portugués (desvio), castelán (desviación), inglés (deviation) ou francés (écart) parecen ter unha denominación claramente asentada, pero en galego dubidamos entre a desviación e o desvío. A priori, poderiamos optar por calquera das dúas, xa que a Real Academia Galega trátaas como sinónimas, nos seus dicionarios.
Vai xa para quince anos que os autores do Vocabulario de matemáticas apostaron polo emprego de desvío, de forma coherente coa súa vontade declarada de "...preferir as opcións máis universais [...] e partir da consideración de proximidade co léxico portugués...". Porén, esta aposta non debeu convencer aos autores dos traballos posteriores, que lle deron preferencia de forma practicamente sistemática a desviación, tanto en dicionarios de lingua xeral como en repertorios especializados en matemáticas, ou noutras áreas.
Na documentación técnica esta última forma é moito máis frecuente ca a primeira, pero non parece arriscado aventurar que o feito de ser desviación a forma empregada polo castelán está influíndo na súa presenza en galego.
Pero se temos en conta os principios expostos na "Introdución" das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (alí aconséllase que "Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego), se temos en conta isto, diciamos, pódese xustificar a elección de desvío como forma preeminente.
Por iso, a nosa proposta pasa por considerar desvío como forma preferente, admitindo desviación como un sinónimo secundario, xa que a súa presenza explícita nos dicionarios académicos outórgalle a consideración de forma correcta en galego. |