Pasar al contenido principal

121. (Re)forestando a terra.

Un idioma preciso

Día Forestal Mundial que acaba de conmemorarse sérvenos de escusa para traer aquí algúns conceptos relacionados coa plantación e a corta de especies forestais. Interésanos, sobre todo, aclarar o sentido que se lle dá a reforestacióne a dúas formas relacionadas como forestacióndeforestación.

En principio, se partimos do concepto base foresta, parece que o significado destes seus derivados podería deducirse sen grandes dificultades. Por dicilo de forma moi simplificada, forestar sería 'facer foresta', reforestar, 'volver facer foresta nun lugar que xa o fora' e deforestar 'desfacer unha foresta'.reforestación

Porén, na documentación técnica -incluso oficial- podemos atopar expresións como reforestación de terras agrarias, que alteran o padrón que acabamos de presentar, pois neste caso o terreo que se "reforestaría" non posuía con anterioridade un uso forestal. Deste xeito, forestar e reforestar pasarían na práctica a seren sinónimos.

Na nosa opinión, debemos fuxir desta sinonimia e manter denominacións diferentes para eses tres conceptos, tal e como fan tamén as linguas veciñas.

Así, forestación (EN: afforestation, PT: florestação ou florestamento, ES: forestación, FR: boisement) designaría a 'repoboación, mediante sementeira ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais' . Por reforestación (EN: reforestation, PT: reflorestação ou reflorestamento, ES: reforestación, FR: reboisement) deberiamos entender a 'reintrodución de especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes, pero que quedaron rasos a causa de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos'. E con deforestación (EN: deforestation, PT: desflorestação ou desflorestamento, ES: deforestación, FR: déboisement) refeririámonos á 'conversión dunha extensión boscosa en non boscosa'.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.