Pasar al contenido principal

120. Electróns con problemas de parella

Un idioma preciso

Hai unhas poucas semanas caeunos enriba da mesa un texto técnico que falaba dunha clase de electróns chamados electróns desapareados. Despois de ver as definicións que algúns dicionarios daban para aparear, e de atopar contextos como 'os electróns desapareados non se sentirán cómodos ao estar illados e tratarán de aparearse', entenderedes que non puidemos resistir a curiosidade de indagar un pouco neste concepto.

Pero o que atopamos resultou ser un pouco decepcionante: non era outra cousa máis ca 'un electrón que ocupa el só un orbital atómico ou molecular'. Tendo isto en conta, non parece que usar unha parabra derivada de "aparear" sexa a mellor das eleccións posibles, así que intentaremos formular unha alternativa. Comezaremos por expor as razóns que explican a aparición dese desapareados.electrón desemparellado

Nas configuración electrónica de átomos e moléculas é frecuente que no mesmo orbital atómico existan dous electróns posuidores de diferente spin. Cando iso non ocorre -como por exemplo nos radicais libres- o electrón que fica só no orbital amosa unha grande inestabilidade.

Por esa situación de soedade e por perder o electrón con quen formaba parella son coñecidos como unpaired electrons en inglés. En castelán ese mesmo significado recólleno as formas desemparejado e desapareado -e por iso se fala tanto de electrones desapareados como de electrones desemparejados, aínda que a primeira é moito máis frecuente.

Pola contra, como en galego aparear só ten o sentido de 'unión sexual entre animais', hai que evitar o emprego dese participio. Parécenos que a mellor alternativa é desemparellados, tendo en conta o significado de desemparellar en galego, e que amais coincide coa forma empregada en portugués (electrões desemparelhados).

Chegamos, pois, á conclusión de que a vida sexual dos electróns é máis ben nula: nin se aparean nin se desaparean; como moito, emparéllanse e desemparéllanse -pero en plan casto. Así que, deixemos de falar de electróns desapareados, para non quitarlles o creto, e empreguemos electróns desemparellados.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.