Pasar al contenido principal

118. Termos de última hora.

Un idioma preciso

Estes últimos días a prensa deunos a coñecer uns cantos termos que nos gustaría esquecer o antes posible (e non falo só do temporal de vento e chuvia que arrasou media Galicia esta fin de semana, aínda que tamén). Temos un lote variado de animais, vexetais e fenómenos atmosféricos. Imos botarlles un ollo.

Non cabe dúbida de que o máis relevante de todos eles é a cicloxénese explosiva que acaba de pasar por riba de nós. Os meteorólogos defínena como o 'desenvolvemento desmesurado dunha depresión en superficie de latitudes medias, que fai máis moito máis produnda dun período moi curto de tempo, dando lugar a ventos moi intensos e fortes chuvias'. Coas adaptacións correspondentes, este nome é o que se lle dá tamén en portugués (ciclogênese explosiva), castelán (ciclogénesis explosiva), inglés (explosive cyclogenesis) ou francés (cyclogenèse explosive). Nos medios de comunicación estase manexando o nome de tormenta perfecta, pero esta denominación, que tivo a súa orixe no cinemanon é usada habitualmente polos meteorólogos.Cicloxénese 24-01-09

Tamén soubemos hai uns días que nalgunhas praias da ría de Vigo o mar deixou unha chea de exemplares dunha planta invasora. Trátase do xacinto de auga (Eichhornia crassipes)1, unha especie flotante e perenne, que procede orixinariamente das cuncas fluviais tropicais de Sudamérica, e que se propaga con tal rapidez nas augas encoradas ou pouco móbiles -onde forma grandes campos flotantes- que é considerada como unha das cen especies invasoras potencialmente máis perigosas.

Pero pouco antes lemos tamén que unha especie invasora de peixe estaba medrando e reproducíndose no delta do Ebro. Ao mellor estades pensando que o Mediterráneo está ben lonxe, pero se lembrades a polémica que tivemos hai poucos anos en relación coa potencial entrada do mexillón cebra nas rías galegas por causa de buques anticontaminación procedentes de Cataluña, non sei se non fariamos ben en prepararnos, polo menos lingüisticamente.

A especie en cuestión é o Misgurnus anguillicaudatus, coñecido principalmente como dojo en inglés e castelán e como dojô en portugués. Pero a súa sensibilidade aos cambios de presión atmosférica, que afectan ao seu nivel de actividade xustifica tamén algún dos seus outros nomes, como weather loach en inglés ou pez barómetro ou locha del tiempo en castelán.

Pensando en buscarlle un nome en galego o máis razoable parece ser recorrer á forma máis xeneralizada nas linguas veciñas, pero isto enfróntanos á disxuntiva de qué facer con ese -j- que non forma parte do alfabeto galego. Vendo que ese grafema se vén utilizando con palabras tomadas doutros idiomas (jazzjockeyjeep...), e con frecuencia na transliteración de idiomas orientais que utilizan alfabetos distintos do latino (judojudokajujutsu...) cremos que tamén neste caso o máis lóxico é manter a forma dojo, recoñecendo o seu carácter de estranxeirismo, e aclarando que en ningún caso ese -j- debe pronunciarse como se fose castelán, senón de forma semellante á letra inicial de judo ou jujutsu.

Agora que xa sabemos qué son e os perigos que ocasionan as cicloxénses explosivas, os xacintos de auga e os dojos, o ideal sería que desaparecesen das nosas vidas o máis axiña posible e que non tivésemos que volver falar delas nunca máis.

Aínda que non sei eu...

----------------------------------

[1] A denominación galega é paralela ás empregadas maioritariamente en inglés (common water hyacinth), francés (jacinthe d'eau), portugués (jacinto-de-água) ou castelán (jacinto de agua), aínda que nestas dúas linguas tamén se empregan formas patrimoniais procedentes das zonas xeográficas de que esta especie é orixinaria (aguapé no portugués do Brasil, e camalote en castelán).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.