115. Ai doutor, xa nin sei o que me doe!
Afeitos como estamos a manexarnos entre nocas e calugas, xoubas e parrochas, ou raposos e golpes, non nos chama a atención pouco nin moito descubrir que un concepto determinado pode recibir nomes moi distintos segundo a parte do país en que preguntemos. Pero cando o proceso inverte o sentido, e unha mesma palabra serve para nomear realidades moi próximas entre si, xa pode provocar algún tipo de confusión, que se incrementa cando esas palabras e conceptos teñen que empregarse en ámbitos técnicos. Imos velo exemplificando cos nomes asignados ás zonas do corpo onde se sitúan as principais articulacións das extremidades do corpo humano.
Fóra da zona de unión do brazo co tronco, coñecida como ombro ou ombreiro, a da coxa coa perna (o xeonllo), e a da coxa co tronco (a cadeira) ábrese unha área nebulosa na que cada zona pode ter diversos nomes e cada nome pode referirse a distintas zonas. Así, se tomamos como referencia os dicionarios da RAG, atopamos o seguinte:
- A 'zona da perna onde esta se articula co pé' pode designarse como nocello, noelo ou nortello. Pero todos estes nomes -amais de tornecelo e artello- nomean tamén a 'parte máis saínte dos ósos' desa articulación.
- A 'zona do brazo onde este se articula coa man' tamén se coñece como nocello -ou noelo ou nortello-. Un significado moi moi próximo atribúeselle a pulso, definido como o 'punto onde o brazo se articula coa man', pero algunha diferenza debe existir cando non se consideran sinónimos.
- E aínda se pode empregar nocello -e noelo e nortello- para referirse á 'parte saínte da articulación do pulso ou dos dedos'. Neste caso, cotelo, coteno, cotobelo e cotomelo tamén poden significar o mesmo.
- Pero a roda aínda segue, xa que cotobelo e cotomelo tamén poder darlle nome á 'parte exterior da articulación do brazo co antebrazo', xeralmente coñecida como cóbado.
Chegados aquí, seguro que xa vos perdestes, pero seguro que vos quedou claro que unha frase tan inocente como "Manqueime no nocello." convértese nun prodixio de ambigüidade que pode referirse a case calquera das articulacións das nosas extremidades. E que unha ambigüidade así, dificulta o manexo destes termos en contextos especializados.
Evidentemente, non pretendemos dicir con isto que a RAG deba abdicar a súa misión de recoller e presentar o léxico galego na súa diversidade, incluíndo variantes ortográficas, a variación dialectal, etc. Pero si se bota a faltar a aplicación dun criterio propio á hora de transmitir de xeito ordenado toda esta arroiada de denominacións, e a utilización da súa autoridade para recomendar cál delas se debe priorizar en situacións comunicativas técnicas ou de divulgación (documentación sanitaria, manuais escolares...) nas que a identificación clara entre unha denominación é un concepto favorece a transmisión da información.
Na nosa opinión, a escolla desas formas preferentes valorar o grao de difusión que teñan na fala viva como designación dun concepto determinado, e o feito de que non teñan presenza relevante na denominación doutros próximos. Do mesmo xeito, deberíase evitar que variantes gráficas da mesma palabra nomeasen conceptos diferentes. Tomando estas pautas como base, a nosa proposta de priorización -que vos animamos a discutir no foro- sería a seguinte:
- Cóbado sería a forma xeral de referirse á 'parte exterior da articulación do brazo co antebrazo' (ES: codo, PT:cotovelo, EN: elbow). Outras, como cotobelo ou a súa variante cotomelo, que en certas zonas do suroeste de Galicia1 designan esta mesma articulación deben manterse nun nivel secundario porque poden facer tamén referencia a outros conceptos, como veremos máis adiante.
- Para o 'punto -ou a zona- onde o brazo se articula coa man' poderiamos empregar pulso2 (ES: muñeca, PT: pulso ou punho, EN: wrist) por ser a maioritaria e non designar outros conceptos próximos. As outras formas recollidas, sendo galegas, deben considerarse secundarias.
- A 'zona da perna onde esta se articula co pé' presenta a nivel dialectal moitas denominacións diferentes. De todas elas, a que consideramos preferente, por ter a maior presenza nos corpus do galego moderno é nocello (ES: tobillo, PT: tornozelo, EN: ankle). Variantes, como nortello, ou formas próximas como noelo e tornecelo, ocuparían un lugar complementario.3
- A 'articulación dos dedos, especialmente o vulto que forman ao se dobraren' (ES: nudillo, PT:nó, EN: knuckle) recibe os nomes de cotelo (ou a súa variante coteno) no norte e o oeste de Galicia, e de cotobelo (con variantes como cotomelo e outras) en toda a provincia de Ourense e no centro sur de Lugo. Tendo en conta que estas dúas últimas formas podían designar tamén a articulación do brazo co antebrazo, sería razoable tomar como preferentes as primeiras.
----------------------------------
[1] Todas as mencións que a partir de aquí se fan á distribución xeográfica das formas galegas están recollidas do vol. 5 do Atlas lingüístico galego.
[2] De feito, a propia RAG parece recoñecelo cando no seu último Dicionario castelán-galego só ofrece esta palabra como equivalente do castelán muñeca.
[2] Un caso parcialmente distinto é o de artello, ao que se lle outorga un significado tan xenérico ('Lugar onde se unen os ósos da perna cos do pé, os da man cos do brazo ou os dos dedos entre si') que practicamente serviría como xenérico de todas as denominacións que aquí estamos manexando.