Pasar al contenido principal

112.- A orde de elementos no baleiro

Un idioma preciso

A interferencia do inglés sobre as outras linguas ten unha das súas principais manifestacións na transmisión máis ou menos disfrazada do seu léxico, desde casos evidentes, como software, bit, snob ou sketch ata outros que pasan moito máis desapercibidos (córner, gol, bar…) .

Pero tamén adoita estenderse ao plano sintáctico, no cal non é frecuente que se cheguen a introducir estruturas alleas á lingua que as recibe, pero si que se force o uso dunha previamente existente, alterando os seus valores e incluso suplantando outras que desenvolvían esas funcións.[1]

Un destes casos de anglicismo sintáctico chamounos a atención hai pouco ao intentar determinar qué denominacións deberían recibir en galego os diferentes rangos de presión en que se adoita dividir o baleiro. Nese abano que vai desde a presión atmosférica ata o baleiro absoluto ou baleiro perfecto, atopámonos con baixo baleiromedio baleiroalto baleiro ou aínda ultra-alto baleiro, sempre co adxectivo anteposto ao substantivo.

Esta forma de colocación non é insólita entre nós, pero normalmente serve para atribuírlle ao adxectivo unha serie de valores expresivos[2] e aínda semánticos[3] que en casos como os arriba citados –ou noutros como alta definiciónalta densidadealta fidelidadealta tensiónalta voltaxe…– non parecen existir. Polo tanto cabe intuír que esta anteposición veña inducida polas respectivas denominacións inglesas (high definitionhigh densityhigh fidelityhigh tensionhigh voltage, ou low -ou roughvacuummedium vacuumhigh vacuumultrahigh vacuum se volvemos sobre a cuestión dos graos do baleiro).

En xeral, cando este tipo de denominacións galegas acadan un uso masivo adoitan ser integradas nas obras lexicográficas; pero na nosa opinión, mentres iso non ocorra deberiamos defender o emprego das formas con estrutura substantivo + adxectivo se a anteposición do adxectivo non cumpre ningunha das funcións indicadas máis arriba.

Por iso, para os nomes dos graos do baleiro, que non teñen difusión fóra do ámbito da física, apostamos por denominacións galegas que cumpran o criterio anterior, e que tenten evitar interferencia do inglés na sintaxe galega.


 

GALEGO INGLÉS ESPAÑOL PORTUGUÉS
baleiro baixo (presión que vai desde 1×105 a 3×103 Pa) low vacuum, rough vacuum, soft vacuum bajo vacío, vacío grueso, vacío primario baixo vácuo, vácuo baixo, vácuo primário
baleiro medio (presión que vai desde 3×103 a 1×10-1 Pa) medium vacuum vacío medio vácuo medio
baleiro alto ou baleiro elevado (presión que vai desde 1×10-1 a 1×10-4 Pa) high vacuum alto vacío, vacío elevado alto vácuo, vácuo alto, vácuo elevado
baleiro superelevado ou baleiro superalto (presión que vai desde 1×10-4 a 1×10-7 Pa) very high vacuum muy alto vacío, vacío muy alto vácuo muito alto
baleiro ultraelevadobaleiro ultraalto ou ultrabaleiro (presión que vai desde 1×10-7 a 1×10-10 Pa) ultrahigh vacuum ultra-alto vacío, ultravacío, vacío ultra alto ultra-alto vácuo, ultra-vácuo
baleiro extremo (presión que é inferior a <1×10-10 Pa) extreme-ultrahigh vacuum, extreme high vacuum alto vacío extremo vácuo extremo

 


[1] Exemplos do que estamos dicindo son o emprego de substantivos con función adxectival en casos como grupo controlefecto invernadoiroefecto placebo... no canto da construción ‘substantivo + de + substantivo’ que sería máis acorde á sintaxe do galego. Ou tamén o abuso da construción pasiva en contextos en que o galego empregaría naturalmente un verbo en forma activa (“Os datos foron seleccionados polos investigadores co fin de…” no canto de “Os investigadores seleccionaron os datos co fin de…”.

[2] A anteposición aumenta a relevancia do adxectivo en relación coa colocación posposta (“fermosa mañá” vs “mañá fermosa”), e outórgalle ao conxunto un maior grao de subxectividade (“vimos un brillante espectáculo” vs “vimos un espectáculo brillante”).

[3] Vense claramente na comparación entre “gran persoa” e “persoa grande” ou “pobre home” e “home pobre”, por poñer só dous exemplos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.