Pasar al contenido principal

111. Curros e Rosalía, liberdade!

Un idioma preciso

Unha vez máis –e as que nos quedan, supoño– volvemos ter diante unha palabra inglesa que encaixa mal no traxe do galego: bookcrossing.

Con ela desígnase a 'práctica consistente en deixar un libro nun lugar público moi concorrido co fin de que outras persoas poidan recollelo, lelo e volver deixalo para que outro ciclo de lectura e circulación comece outra volta’.

O nome ten a súa orixe no sitio web bookcrossing.com, que foi o primeiro en planificar, difundir e dinamizar esta actividade, establecendo unha serie de pasos que debe seguir tanto quen queira compartir un libro como quen o atopa. O fenómeno medrou de tal xeito que en pouco máis de sete anos conta con máis de 650 000 membros e vai camiño dos 5 millóns de libros rexistrados.

A súa extensión supuxo tamén a exportación da denominación ás principais linguas occidentais. Pero o seu carácter pouco transparente –cómpre saber inglés para identificar de qué se está a falar– e a dificultade para integrala gráfica e foneticamente nos padróns das linguas románicas provocaron que en moita s destas se fosen xerando nomes alternativos, nuns casos de forma espontánea e noutros co aval das autoridades lingüísticas respectivas.

Tampouco en galego houbo polo de agora pronunciamentos oficiais sobre qué facer con este anglicismo, pero xa vimos en precisións anteriores que as autoridades académicas parecen ser bastante reticentes á integración de anglicismos rematados en -ing. Amais, tanto desde o punto de vista da súa escrita como desde o da súa pronuncia (algo así como “buccrósin”?), a forma inglesa é complicada de amoldar á estrutura do galego; e aínda por riba, os préstamos ingleses formados por máis dunha palabra adoitamos importalos a través do calco [rañaceos (skyscraper), fin de semana (week-end), correo electrónico (e-mail), operador turístico (touroperator)…].

Por todo o anterior, parece lóxico supor que a recomendación oficial –de existir– incidiría na conveniencia de recorrer a algunha das denominacións propias que se poden atopar na lingua viva. Formas como libros viaxeiroslibros ceibesliberación de libros ou solta de libros poden describir o concepto que nos ocupa cun grao de transparencia ben maior ca o da forma inglesa e sen ningún dos problemas colaterais que para esta indicamos máis arriba.

Non nos atrevemos a dicir que non se deba empregar bookcrossing en galego, porque non atopamos en ningures unha condena explícita e, nalgúns casos, anglicismos en -ing foron recoñecidos como adecuados en galego (cámpingleasingsmóking…). Pero si pensamos que deben preferirse as denominacións galegas arriba indicadas e que –de recorrermos á forma inglesa– conviría marcala con cursiva.

Entre as alternativas galegas parécenos que as que se centran na acción (liberación de librossolta de libros) poden ser máis acaídas ca as que se fixan no produto (libros viaxeiroslibros ceibes), xa que nos permiten un manexo máis flexible en distintos contextos (admiten de forma natural o seu paso a verbos, por exemplo). E ademais, aínda que sexa de forma indirecta, conectan esta práctica coa posta en liberdade de especies animais (perdicessalmónstroitas…) dándolle ao libro un carácter de ser vivo que casa moi ben co espírito do fenómeno. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.