Pasar al contenido principal

Un cento de estudantes de Farmacia abordan na USC os desafíos da representación estudantil e as saídas profesionais do sector

As saídas profesionais do grao de Farmacia, como xestionar con éxito unha farmacia dende o minuto 0 ou como acceder á empresa privada científica centrarán algúns dos talleres. Imaxe de arquivo do alumnado de Farmacia. FOTO: Santi Alvite
As saídas profesionais do grao de Farmacia, como xestionar con éxito unha farmacia dende o minuto 0 ou como acceder á empresa privada científica centrarán algúns dos talleres. Imaxe de arquivo do alumnado de Farmacia. FOTO: Santi Alvite
O alumnado intercambiará opinións, reflexións e experiencias neste encontro estatal que se estende do 16 ao 19 de novembro
Santiago de Compostela

O Encontro estatal de estudantes de Farmacia reúne dende este xoves 16 e ata o vindeiro día 19, un cento de alumnos e alumnas procedentes do conxunto do Estado para intercambiar opinións, reflexións e experiencias ao longo de cinco sesións de debate que albergan diferentes temas de interese para a representación estudantil e para o estudantado de Farmacia. Tamén se impartirán unha serie de talleres por parte de empresas do sector, “coa fin de estimular o desenvolvemento profesional das persoas asistentes”, apuntan dende a organización. 

A inauguración ten lugar este xoves 16 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, a partir das 16.00 horas, coa presenza da vicerreitora de Estudantes da USC, Pilar Murias; da decana da Facultade de Farmacia, Reyes Laguna; do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; do presidente de Regeifar e vicepresidente de Educación da Federación Española de Estudantes de Farmacia, León Felipe Ureña Sánchez; do presidente do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos (CGCOF), Jesús Aguilar Santamaría; da presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC), Sara Catrain González e do presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) e profesor da USC, Ángel Concheiro Nine.

As saídas profesionais do grao de Farmacia, como xestionar con éxito unha farmacia dende o minuto 0 ou como acceder á empresa privada científica centrarán algúns dos talleres. Outros dos temas abordados nos obradoiros da primeira xornada, onde tamén haberá espazo para unha feira de empresas, serán a medicina personalizada ou os aceites ozonizados, innovación, eficacia e seguridade fronte a alteracións cutáneas frecuentes. As mesas de debate que se desenvolverán o venres 17 acometerán cuestións como a saúde pública, a representación estudantil e política universitaria, así como a comunicación, entre outros aspectos. O sábado 18, terá lugar, a partir das 16.00 horas, a Asemblea xeral da Federación Española de Estudantes de Farmacia. O foro estenderase ata o domingo 19. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.