Pasar al contenido principal

A compañía TeatroUSC-Compostela abre en Lugo o programa dun Festival de Teatro Universitario que celebra as vodas de prata

Actores da compañías TeatroUSC-Lugo con promotores do certame, na presentación do XXV Festival de Teatro Universitario de Lugo
Actores da compañías TeatroUSC-Lugo con promotores do certame, na presentación do XXV Festival de Teatro Universitario de Lugo
A formación dirixida por Roberto Salgueiro presenta este martes, ás 20.30 horas, no ‘Gustavo Freire’ a montaxe ‘A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour’

O Festival de Teatro Universitario celebra as súas vodas de prata en Lugo cunha programación de marcado calado social que arranca este martes 26 de marzo do auditorio municipal Gustavo Freire. Este certame, no marco do que se presentarán montaxes de catro compañías universitarias de Santiago, Lugo, Ourense e León, ademais dunha intervención na rúa programada para o mércores 27 para conmemorar o Día Internacional do Teatro, estenderá a súas funcións ata o 1 de abril.

A compañía TeatroUSC-Santiago de Compostela, dirixida por Roberto Salgueiro, abrirá ás 20.30 horas, no ‘Gustavo Freire’, a quenda de representacións do XXV Festival de Teatro Universitario coa posta en escena da obra ‘A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour’. Esta primeira achega creativa servirá de preludio do Día Internacional do Teatro.

A Aula de Teatro USC-Lugo organizará o 27 de marzo, co galo da celebración desta efeméride, un encontro aberto ao público no propio auditorio municipal, no que o público asistente poderá achegarse e coñecer o proceso de creación da obra ‘Casa de ilusións’, da man dos propios actores que interveñen nesta representación desta peza, adaptada e dirixida por Paloma Lugilde. As actividades complementarias organizadas neste festival para conmemorar o Día Internacional do Teatro terán continuidade á noitiña no casco histórico de Lugo cunha intervención nas rúa, na que participarán máis de medio centenar de actores e actrices agromados en diversas formacións teatrais, tales como Achádego, Pinchacarneiro, Escola Palimoco Teatro Danza, Palimoquiños, Aula Teatro USC Lugo, Vaites Vaites Teatro, Teatro Círculo das Artes, Compañía Pinchacarneiro, Compañía Down Lugo, Teatro Antas de Ulla, Curuxan , Nova Escena, Sinovias ou, entre outras, 3Monos. A lectura dun manifesto, creado e pronunciado por Carlos Santiago, pechará, a partir das 21.00 horas, na escalinata da Praza Maior, os actos conmemorativos do Día do Teatro promovidos no marco deste festival universitario.

A actividade teatral tornará de novo ao ‘Gustavo Freire’ o 28 de marzo, a partir das 12.30 horas, cun ensaio xeral da obra ‘Casa de ilusións’, a cargo dos seis integrantes que conforman o elenco artístico de Aula de Teatro USC-Lugo. Esta actividade estará seguida dun coloquio aberto.

A compañía Teatro el Mayal, da Universidade de León, devolverá a actividade escénica ao auditorio municipal coa presentación en Lugo o 29 de marzo da obra ‘Aquí en la Tierra’, dirixida por Javier R. de la Varga. A compañía de teatro USC-Lugo acaparará as funcións durante a fin de semana con catro pases da obra ‘Casa de ilusións’. A primeira estas actuacións será o sábado 30, a partir das 20.30 horas. Esta formación universitaria repetirá do domingo con dúas funcións seguidas, programadas para as 18.00 e as 20.30 horas, respectivamente, e pechará a súa quenda de intervencións neste festival o luns 1 de abril cun pase matinal, ás 10.30 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo. As entradas para presenciar as representacións da obra ‘Casa de ilusións’, que ten un aforo de 96 persoas en cada pase’, poden retirarse desde este venres 22 de marzo, en quenda de 10.00 a 14.00 horas, nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

A compañía Maricastaña, da Aula de Teatro Ourense da Universidade de Vigo botará o pano da XXV Festival de Teatro Universitario de Lugo o 1 de abril, a partir das 20.30 horas, coa presentación da montaxe ‘Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse’, unha obra dirixida por Fernando Dacosta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.03.2019.