Pasar al contenido principal

95. Castelanismos de deseño: planillos

Un idioma preciso

No proceso de elaboración dunha publicación é moi importante manter sempre unha visión de conxunto do estado de produción (sen comezar, en elaboración, en revisión…) en que se atopa cada unha das súas partes.

Para iso, recorríase a táboas ou a debuxos esquemáticos das páxinas da publicación colocadas en sucesión e cos elementos principais que afectaban a produción sinalados dalgún modo. A revolución tecnolóxica da profesión provocou a aparición de versións electrónicas deses materiais, pero non cambiou o nome xenérico polo que se coñecen: planillo.

Enfrontados coa necesidade de nomear en galego esa realidade, poderíase optar entre varias posibilidades:

Importar a denominación do castelán, ben directamente (planillo), ben agalegándoa superficialmente (planiño).

Tomar como referencia as linguas do contorno. En inglés coñécese como flatplan, en francés como chemin de fer e en portugués como plano.

Intentar estender o uso dun nome creado en galego que describa ben as características do concepto. Unha posibilidade sería esquema de maqueta ou miniatura de maqueta.

Tendo en conta que a norma léxica do galego tende a aceptar os castelanismos só cando están difundidos en todas as linguas veciñas ou cando son de uso común –o que non ocorre neste caso–, optamos por desbotar a primeira alternativa. A terceira sería moi acaída desde o punto de vista teórico –xa que as denominacións alí citadas describen moi ben o concepto– pero miradas pragmaticamente é ben pouco probable acaben suplantando unha forma máis breve e xa asentada como é “ planillo”, tendo en conta a súa maior lonxitude.

Xa que logo, pensamos que a alternativa máis viable, que combina de xeito razoable a calidade lingüística e a usabilidade pragmática, é usar plano. Esta denominación evita o castelanismo e vincúlase con linguas relevantes do noso contorno (portugués e inglés); á vez, permite identificar razoablemente ben o concepto e supón unha alternativa “competitiva” desde o punto de vista pragmático á forma castelá que intenta substituír.

Por todas estas razóns, aconsellariamos empregar plano (ou plano de maqueta, en casos nos que puidera existir algunha ambigüidade) para designar o concepto que nos ocupou nesta precisión. Pero admítense suxestións e opinións en contra, claro.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.