Pasar al contenido principal

92. Escollendo entre marisco: cigalas ou lagostinos?

Un idioma preciso

Se algún dos que nos le, senta nun restaurante e, despois de pedir unha ración de lagostinos á grella, ve que lle chegan con isto que o pense antes de reclamar, porque se lle toca un camareiro amante da filoloxía pode ter que escoitar como lle retruca “non, non, en galego isto son lagostinos”.

Pois si, segundo a RAG, o crustáceo de nome científico Nephrops norvegicus (ES: cigala, EN: Norway lobster, PT: lagostim) debe recibir en galego o nome de lagostino, aínda que tamén se considera aceptable –pero menos recomendable– usar cigala. O problema é que este mesmo nome tamén se aconsella para unha especie diferente (o Melicertus kerathurusou Penaeus kerathurus) coñecida como langostino en castelán, caramote prawn en inglés e gamba-manchada en portugués.

Esta dualidade –cuxa presenza na lingua popular[1] pode explicarse polo feito de que esta segunda especie practicamente non se capturaba na pesca tradicional– é incompatible coa precisión que requiren a lingua científica, as relacións comerciais, e os menús das vodas. Por iso, traballos de índole máis técnica vense obrigados a artellar algunha alternativa que desfaga a ambigüidade:

Se partimos do feito de que as dúas especies que nos ocupan son diferentes –o que para todos é obvio cando as temos no prato– e que polo tanto precisan cadanseu nome, pensamos que o máis razoable é reservar cigala para Nephrops e lagostino para Melicertus.

Esta solución é respectuosa coas prescricións normativas e evita as confusións e ambigüidades que podería xerar o emprego da segunda destas denominacións para ambas especies.

 

----------------------------------

[1] De feito, no traballo Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia, de M. C. Ríos Panisse recóllese tanto cigala como langostino como denominacións de Nephrops norvegicus. Pero este segundo nome tamén se documenta para outras especies como Penaeus kerathurus ou Scyllarus arctus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.