Pasar al contenido principal

90. Outro anglicismo superfluo: rack

Un idioma preciso

Unha das razóns polas que as palabras estranxeiras sempre parecen máis precisas ca as propias á hora de designar un concepto novo é porque chegan aos nosos oídos sen pasado: é coma se acabaran de inventarse agora mesmo co fin exclusivo de bautizar o obxecto concreto ao que nos queremos referir.

Así, un galego pode pensar que é moito mellor empregar stand antes ca caseta ou pavillón para nomear a instalación temporal que se monta para a promoción e venda de produtos e servizos porque ese é o único significado que para el ten esa forma. Pero para un inglés, esta palabra é tan polisémica e tan ‘imprecisa’ como nolo podían parecer a nós os substantivos galegos devanditos.

Todo este longo limiar vén ao caso porque hoxe queremos falar de rack, especialmente como termo da área das redes telemáticas de comunicación.1 No inglés non especializado, esta denominación refírese a unha estrutura –case sempre formada por barras– que se usa para colocar obxectos de forma organizada.2 Por un proceso de extensión semántica a palabra pasou ao ámbito das telecomunicacións, onde designa unha estrutura metálica dotada de guías que permite colocar servidores ordenados en rimas.

Para darlle nome a este último concepto, tanto o portugués como o castelán recorren con moita frecuencia a ese anglicismo, posiblemente por consideralo máis preciso cás palabras autóctonas de significado semellante. Pero na nosa opinión trátase dun préstamo totalmente innecesario, xa que bastidor (‘Armazón metálica ou de madeira que soporta a estrutura dalgunhas máquinas’) é un equivalente practicamente perfecto.

Se estamos aconsellando evitar o uso de rack con ese significado, é evidente que tampouco nos parecen adecuadas formas como servidores en rack ou a armario rack, que podemos atopar en textos galegos.

A primeira refírese a unha disposición concreta dos servidores, que se colocan en rimas dentro do bastidor que os soporta. Pensamos que unha denominación como servidores en andeis ou servidores en rimas (EN: rack server) é moito máis transparente e respectuosa coa estrutura do galego.

Como acabamos de indicar, pensamos que rack é en galego un préstamo innecesario,3 cuxos principais significados na lingua xeral xa estaban cubertos polo substantivo bastidor. Ademais, no ámbito concreto das redes telemáticas sintagmas propios como servidor en andeis / en rimas ou armario de servidores poderían –e na nosa opinión, deberían– suplantar con vantaxe a formas híbridas como servidor en rack ou armario rack .

 

----------------------------------

[1] Noutros ámbitos, como o dos materiais de laboratorio tamén se fala de racks para referirse a estruturas nas que se colocan ordenadamente obxectos como puntas de pipeta ou tubos de ensaio.

[2] Isto explica que á nosa baca eles lle chamen luggage rack.

[3] Na área dos materiais de laboratorio tamén sería posible falar de pousatubos ou pousapuntas para referirse a esas estruturas de soporte.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.