Pasar al contenido principal

“O novo paradigma social da cultura deparará múltiples oportunidades de emprego”

Encarna Lago, Gonzalo Fernández e Alberto de Boiro, na Facultade de Humanidades
Encarna Lago, Gonzalo Fernández e Alberto de Boiro, na Facultade de Humanidades
O coordinador da obra ‘A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura’, Alberto de Boiro, defende superar o “exclusivo enfoque da cultura como recurso” nun acto na Facultade de Humanidades no que participaron Gonzalo Fernández e Encarna Lago
Lugo

A cultura é un dereito, porque así o recollen as leis, pero se non o exercemos e desenvolvemos, este dereito mingua, sinalou este xoves o técnico cultural Alberto de Boiro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, no marco da presentación do libro ‘A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura’, unha obra colectiva coordinada por este docente da USC que afonda no novo paradigma social que se está a crear arredor da cultura, unha tendencia que xerará múltiples oportunidades de emprego.

Acompañado do decano da Facultade de Humanidades da USC, un dos poucos centros universitarios de España que ofrece formación de grao, mestrado e doutoramento no ámbito da Xestión Cultural, segundo salientou o propio Gonzalo Fernández Suárez, e da xestora cultural e xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, que fixo un chamamento a prol da defensa e universalización do acceso á cultura, De Boiro, sinalou que o actual tránsito do enfoque exclusivamente economicista da cultura como recurso cara a unha dimensión máis social reforza a súa dimensión humanística.

A cultura, precisou, responde a unha creación colectiva dunha comunidade. Daquela, non se pode reducir o acceso á cultura a parámetros espaciais e ou temporais, senón que é preciso abrir os procesos creativos a todo o mundo, abundou o coordinador do libro ‘A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura’.

O aínda nacente novo paradigma social da cultura está a consolidarse a través dunha crecente promulgación normativa. Navarra e Canarias xa contan con leis neste senso, en Galicia tamén se está a traballar na súa elaboración e incluso se acaba de anunciar unha nova lei dos dereitos culturais a nivel estatal, comentou De Boiro.

“Estamos mudando do paradigma das industrias culturais no que estábamos instalados cara ao paradigma da cultura como dereito cidadá”, insistiu De Boiro, ao tempo que explicou que esta nova publicación reflexiona sobre os fundamentos dos dereitos culturais, o mandato da axenda 2030, a accesibilidade, igualdade ou a sustentabilidade. “Esta obra colectiva resultante de moitas xornadas de análise  debate serve ademais para ter unha ferramenta de reflexión pensada e escrita dende Galicia, e amplía a escasa bibliografía propia arredor do momento actual da xestión cultural no noso país”, dixo.

A nova dimensión á que se achega a realidade cultural non implica, segundo dixo De Boiro, rexeitar os aspectos económicos relacionados coa cultura, pois é obvio que a cultura constitúe un recurso que depara non poucos rendementos económicos. De feito, na actualidade o sector cultural ocupa en Galicia máis de 30.000 persoas, unha cifra de empregabilidade incluso superior á que ofrecen algúns sectores mariñeiros como é o das bateas, dixo Alberto De Boiro, para logo engadir que o amplo abano de actividades que se desenvolven no sector cultural representan preto do 3% do PIB de Galicia.

Alén de expoñer datos sobre o sector da cultura e de abrir reflexións sobre o futuro, Alberto de Boiro, animou tamén ao alumando que está a cursar estudos de Xestión Cultural a aproveitar esta nova tendencia social da cultura. Neste senso, o profesor Gonzalo Fernández apuntou a recente inclusión da Xestión Cultural como unha disciplina propia nos campos da Historia e da Arte, ao tempo que deu conta da sección bibliográfica propia que está a impulsar e fornecer a Facultade de Humanidades da USC na Bibleoteca Intercentros do Campus de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.