Pasar al contenido principal

86. Ás voltas con Freud

Un idioma preciso

Por unha curiosa casualidade, un par de consultas recibidas a semana pasada fixéronnos atenderlle á terminoloxía da psicanálise. Por iso, nesta precisión ímonos poñer freudianos.

A primeira desas consultas versaba sobre cál sería a denominación máis acaída para expresar en galego o concepto que en castelán se coñece como acto fallido (EN: faulty act ou Freudian slip; PT: acto falhado ou ato falho –no Brasil–). Ao buscar nos dicionarios técnicos galegos atopamos varias alternativas:

  • Diccionario de psicoloxía e educación propón acto errado, aproveitando a equivalencia fallido [ES] «errado [GL] recollida en dicionarios bilingües como o Xerais castelán-galego. Pero o dicionario bilingüe con maior autoridade entre nós (Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega) altera esa equivalencia e recomenda frustrado como forma galega, abrindo así a posibilidade de optar por acto frustrado.
  • Por outra banda, o Diccionario galego de termos médicos escolle como denominación galega acto falido. Apóiase para iso no feito de que falir é un verbo que a RAG considera correcto en galego, e que é definido nos dicionarios de lingua ‘Malograrse, fracasar algún asunto’, sentido que encaixa moi ben co que o adxectivo ten no sintagma que nos ocupa.

Situados ante esta disxuntiva, parece que calquera das tres alternativas –acto erradoacto frustrado ou acto falido– é defendible desde o punto de vista lingüístico. Por iso, desde o SNL decidimos recomendar o emprego desta última porque –sendo perfectamente galega– se corresponde moito mellor ca as outras coas denominacións empregadas polas linguas do noso contorno.

 

Uns días despois preguntáronnos cál sería o nome que en galego lle correspondería á instancia psíquica identificada por Freud e nomeada en castelán como ello (EN: id; PT: id ou isso).

Neste caso, os dicionarios galegos non chegan a defender propostas diverxentes, pero alternan de forma ben aleatoria a preferencia polas formas latinas e as galegas. Así, mentres o Diccionario galego de termos médicos se decanta por id, o Diccionario de psicoloxía e educación ofrece a alternativa de id ou iso.[1]

E outro tanto se pode dicir dos outros dous conceptos que forman tríade con este:

  • Tanto un coma outro traballo consideran que eu é a denominación máis acaída[2] para designar o mesmo concepto ca o yo do castelán, o ego do inglés e o ego ou eu do portugués.
  • E finalmente, para o concepto restante o dicionario médico recolle unicamente superego, mentres que o dicionario psicolóxico prioriza supereu sobre superego (ES: superyó ou superego; EN: super-ego; PT: superego).

Igual que opinamos a respecto da primeira consulta volve a ser posible optar, ou pola serie latina ou pola serie galega, á hora de escoller as denominacións para esta serie.[3] E tamén igual ca antes, o feito de que as linguas veciñas opten maioritariamente polos termos latinos lévanos a nós a recomendar o uso de egosuperego e id, deixando ben claro que a escolla das formas galeguizadas non presenta ningún problema desde o punto de vista lingüístico.

 

----------------------------------

[1] Amais, na entrada isto tamén se remite a id, aínda que nesta última a outra non se cita como sinónimo.

[2] Ambos recollen e aceptan o nome latino (ego), pero danlle prioridade á forma galega.

[3] O que si parece razoable é manter dentro do mesmo documento a coherencia das escollas: é dicir, optar pola serie latina ou a galega no seu conxunto sen mesturar elementos dunha e doutra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.