78. Préstamos que non encaixan nin con cuña: e-learning
Existen algúns termos que, independentemente do pouco ou moi usados que sexan nunha lingua, parecen estar chamando pola súa “orde de expulsión”.
En galego hai varios, pero e-learning parécenos un dos máis evidentes. Razóns? Hainas sobras:
- Ese e- que aparece ao comezo e que se separa con guión como se for un prefixo.
- A grafía, que non encaixa nos padróns do galego (Cantas palabras temos que acaben en –ing alén de cámping, footing, leasing e ring?).
- Con esa forma tan anómala, non sabemos qué xénero asignarlle. É unha palabra feminina (‘a e-learning’) ou masculina (‘o e-learning’)?
- Unha combinación de letras tan estraña para os nosos ollos, combinada coa influencia do inglés, provoca innúmeras vacilacións á hora de pronunciala. (Debemos dicir “ilernin”, “elearnin”, “elernin”, “elirnin”, “elernín”, “ilernin”, “ilerníngh”…?)
E, por unha vez, compartimos o problema con todos os nosos veciños. O nome inglés está moi implantado nas principais linguas europeas, e en todas elas dicionarios, guías de estilo, páxinas web… intentan evitalo propoñendo alternativas máis axeitadas desde o punto de vista lingüístico e que describen con máis claridade os trazos esenciais do concepto.[1]
En castelán, por exemplo, empregan aprendizaje electrónico, aprendizaje en línea ou teleformación; en portugués, aprendizagem electrónica, aprendizagem virtual ou formação em linha, en francés, apprentissage électronique, apprentissage en ligne ou formation en ligne e en catalán aprenentatge virtual, teleformació ou aprenentatge en línia.
En galego e-learning ten tamén unha altísima presenza no uso; de feito, a Galipedia inclúea como entrada como se for unha palabra galega totalmente establecida. Pero á vez, hai centos de fontes nas que se empregan denominacións que permiten fuxir do anglicismo (aprendizaxe electrónica, aprendizaxe en liña, ensino en liña, formación en liña, teleformación, teleensino, ensino electrónico, formacion virtual…).
Para nós, calquera delas é preferible á forma estranxeira, e non atopamos argumentos para desaconsellar ningunha. Pero pensamos que pode ser útil intentar establecer algunha delas como preferente: a existencia dun número moi elevado de sinónimos galegos na práctica acabaría favorecendo o emprego de e-learning, que xogaría coa vantaxe da súa univocidade. Vexamos, xa que logo, algúns argumentos que nos poden axudar nesa escolla:
- Os nomes galegos que enumeramos antes achéganse ao concepto, desde o punto de vista de quen recibe o coñecemento (os que empregan aprendizaxe) ou desde o de quen o recibe (os que usan ensino ou formación). Calquera deses enfoques sería adecuado, pero en xeral o galego adoita mirar ese tipo de procesos desde este segundo prisma, e por iso se fala maioritariamente de formación profesional, formación ocupacional, formación de adultos/ensino de adultos e doutras moitas variedades de formación…
- Aínda que virtual ten aquí un valor que poderiamos describir como ‘que non precisa dun soporte físico’ (igual ca en disco virtual ou en tenda virtual), non é menos certo que o sentido principal dese adxectivo deixa sempre unha reminiscencia a ‘non real’ que contamina denominacións como formación virtual ou ensino virtual.
- Se –como vimos– un dos trazos do concepto é o emprego da internet e de tecnoloxías multimedia, denominacións como formación en liña, ensino en liña ou teleformación parecen describir esa característica mellor ca outras como formación electrónica, xa que este último adxectivo ten un sentido máis xenérico.[2]
Cuestións máis pragmáticas como a lonxitude do nome que se escolla, ou a facilidade para pronuncialo tamén deben terse en conta.
Se aplicamos todos eses argumentos ao abano de nomes galegos que recollemos máis arriba, os que resultan mellor valorados son teleformación, formación en liña e ensino en liña –se cadra, aínda por esta orde. Xa que logo, estes son os mellor colocados, na nosa opinión, para suplantar o e-learning da documentación galega. |
Actualización do 13/10/2014
O Dicionario da Real Academia Galega recomenda o emprego de aprendizaxe en liña para o concepto de que viñemos falando aquí. Xa que logo, desde o punto de vista da corrección normativa, os argumentos manexados nos parágrafos anteriores perden todo o seu valor.
----------------------------------
[1] Unha das definicións máis aceptadas de e-learning é a proposta pola Unión Europea na iniciativa elearningeuropa.info, onde se presenta como o “uso das novas tecnoloxías multimedia e de Internet para mellorar a calidade da aprendizaxe mediante o acceso a recursos e servizos, e a colaboracións e intercambios a gran distancia”.
[2] Poderíase pensar que tamén teleformación é unha denominación xenérica de máis que inclúe calquera modalidade de formación a distancia, pero se nos fixamos nesta definición da FUNDESCO, vemos que coincide nos seus trazos fundamentais cos sinalados para a e-learning.