Pasar al contenido principal

76. Aleitar e amamentar

Un idioma preciso

Unha vez máis, queremos chamar a atención sobre como as recomendacións que fan os dicionarios -galegos ou doutro idioma- poden ser adecuadas para uns niveis de lingua pero non para outros, normalmente máis especializados. Xa o vimos noutras precisións en relación aos musgos, a desbrozar, ás tabletas. e agora verémolo no caso de aleitar.

Na fala cotiá, este verbo ten o significado de 'dar de mamar', e así aparece recollido nos dicionarios de lingua. De feito, obras normativas como o Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega, propóñeno como equivalente do castelán amamantar, forma que se desaconsella por castelanismo.

Pola contra, se pasamos ao ámbito especializado, os beneficios demostrados que o aleitamento materno provoca no estado físico e psicolóxico do neno -especialmente cando toma o leite directamente do peito da nai- fomentaron avances en técnicas como a pasteurización de leite materno ou a creación de bancos de leite humano. Deste xeito, é posible estender as vantaxes do aleitamento a nenos que, polas razóns que fose, non poderían mamar directamente do peito da nai.

Por iso, se nos movemos neste nivel técnico da lingua, é relevante distinguir entre:

  • O proceso de alimentación do neno con leite humano durante o período da súa vida no que mama. (EN: breastfeeding. ES: lactancialactancia materna. PT: aleitamentoaleitamento materno.)
  • O proceso de alimentación do neno con leite humano tomado directamente do peito de súa nai ou doutra muller. (EN: suckling; ES: amamantamiento. PT: amamentação)

O matiz que no nivel da lingua común era irrelevante, e que permitiu que o castelán amamantar e o galego aleitar se tratasen como equivalentes, convértese agora en distintivo. Xa que logo, cómpre buscar dúas denominacións diferentes para estes dous conceptos.

  • En relación co primeiro, parece evidente que as formas escollidas deben ser aleitamento ou lactación[1](máis en concreto, aleitamento materno ou lactación materna). Tampouco sería incorrecto empregar lactancia, xa que os traballos normativos máis recentes, como o Vocabulario ortográfico da lingua galega ou o Dicionario castelán-galego arriba citado trátana como unha forma secundaria, pero non errónea.
  • En relación co segundo, poderiamos recorrer a amamentación ou amamentamento, xa que amamentar figura recollido co sentido de 'dar de mamar' en varios dicionarios galegos[2] dos séculos xix e xx.

Resumindo: aínda que na lingua común empregar aleitamento co sentido de 'acción de dar de mamar' non presenta ningún problema; en contextos especializados esta forma pecaría de ambigüidade, pois designaría calquera das formas polas que un neno pode ser alimentado de leite (en principio, tanto materno como artificial). Serán amamentamento ou amamentación as que deben nomear o tipo específico de aleitamento en que o neno toma o leite directamente do peito materno.

 

----------------------------------

[1] Cómpre indicar que lactación (EN: lactation. PT: lactação. ES: lactaciónlactancia) pode designar tamén o 'proceso de formación e secreción do leite nas glándulas mamarias das femias dos mamíferos' así como o 'período de tempo durante o cal ese proceso de formación e secreción se mantén'.

[2] Consultando o Diccionario de diccionarios editado polo Instituto da Lingua Galega pódese ver unha relación detallada das obras nas que se documenta ese verbo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.