72. Trazas de trilla na roupa
Unha consulta que nos formularon durante esta semana tróuxonos de volta –agora que florece a primavera– as bolboretas e as avelaíñas sobre as que noutro momento debatemos no noso foro.
Alí chegaramos á conclusión de que bolboreta (EN: butterfly; ES: mariposa; PT: borboleta) debía empregarse para designar as especies que tradicionalmente se agrupaban dentro da suborde Rhopalocera, caracterizadas polas súas antenas a xeito de maza e de extremo engrosado, e por situaren as ás en posición vertical durante o repouso. Para as especies da suborde Heterocera, recoñecibles polas súas antenas dentadas, peptinadas, bipeptinadas ou cuadripeptinadas, e porque en repouso sitúan as ás en posición horizontal, aconsellamos o uso de avelaíña (EN: moth. ES: polilla. PT: traça [Pt.]; mariposa [Br.]).
A onde non chegamos alí –e a onde nos leva a consulta da que antes falamos– é aos nomes que reciben as larvas destas últimas.
Tanto as bolboretas como as avelaíñas teñen un ciclo biolóxico moi complexo, no que pasan por catro fases diferentes (ovo, eiruga, crisálida e imago), durante as cales a súa fisioloxía e o seu aspecto externo muda totalmente. Por ese motivo non é raro que exemplares da mesma especie reciban a nivel popular nomes diferentes en distintos estadios do seu desenvolvemento.
Exactamente iso é o que acontece con algunhas especies de avelaíña, fundamentalmente dos xéneros Tineola e Tinea. Durante o seu estado larvario atacan os tecidos, provocando perforacións neles, pero como o seu aspecto non permite asocialas aos exemplares adultos, recibiron en galego un nome diferente, principalmente o de trilla (ES: polilla).
Outras veces, estas larvas foron vinculadas ás doutras especies de insectos (fundamentalmente coleópteros das familias Anobiidae, Lyctidae e Cerambycidae–a a a a a a a a a a especialmente dos xéneros Xestobium e Anobium–e s m l & m ; o a & ), que producían efectos semellantes na madeira, no papel ou na roupa; de tal xeito que o nome que se empregaba para estes (couza) estendeuse tamén ás larvas de avelaíña. Finalmente, esta atribución incorrecta acabouse estendendo tamén ás outras denominacións que eses coleópteros recibían en galego (traza, corta ou caruncho).[1]
É evidente que a lingua común non ten por qué ter un grao de precisión equiparable ao que lle esiximos á comunicación especializada. Por iso, pensamos que a ese nivel a indeterminación que acabamos de apuntar pode ser perfectamente asumible.
Pero isto non se contradí co feito de que, en ámbitos científico-técnicos, sexa recomendable intentar empregar nomes diferentes para a designación deses dous tipos de insectos. Xa que logo, parece mellor usar trilla para referirse ás larvas da avelaíña, e couza, traza, corta e caruncho[2] como designación das “ diversas especies de insectos coleópteros da familia dos anobíidos que se alimentan de substancias vexetais, especialmente da madeira empregada na construción, mobles, algúns produtos alimenticios e papel”. |
----------------------------------
[1] Estes coleópteros coñécense en castelán como carcoma, en inglés como woodworm e en portugués como caruncho ou carcoma.
[2] Case todas estas formas, especialmente as dúas últimas, empréganse tamén para denominar outros conceptos no ámbito da zooloxía ou da fitopatoloxía.