62. Trazabilidades sen trazos
Por veces teño a sensación de que algúns conceptos -normalmente bastante abstractos- se poñen de moda e de que durante unha tempada todo o mundo os utiliza e parece saber a qué se refiren.
Pasoume con calidade (especialmente con cultura da calidade), con emprendemento e emprendedores e ultimamente coa trazabilidade.
Este termo, que parecería aludir á 'capacidade que un obxecto ten de ser trazado' ou algo así, en realidade emprégase para designar a 'posibilidade de atopar e seguir o rastro, a través de todas as etapas de produción, transformación e distribución, dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia destinados a ser incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo'.[1]
A pregunta que apetece facer a continuación é "E que ten que ver isto con trazar para chamarlle trazabilidade? A dúbida comeza a aclararse cando sabemos que esta palabra é un calco do inglés traceability, que se fundamenta nunha suposta equivalencia entre to trace e trazar. En realidade, o significado de to trace que se reutiliza aquí, exprésano en galego formas como rastrear ou rastrexar.
Atopámonos, xa que logo, diante doutro exemplo de "falso amigo" que se engade a sensible, a aclaramento e a algúns máis que fomos comentando en distintas precisións. Desde o punto de vista lingüístico, en casos coma este débese desaconsellar o uso da forma calcada e potenciar o emprego doutra que non cree esas distorsións entre o significado de palabras da mesma familia léxica, como por exemplo o rastrexabilidade que se recomenda desde o Servizo Galego de Terminoloxía (Termigal).[2] Esta forma describe moito mellor o concepto, non altera de forma retroactiva o significado de trazar en galego, e amais é paralela á denominación empregada en portugués (rastreabilidade).
Outras linguas do noso contorno asumen o calco do inglés, como por exemplo o francés (traçabilité), o catalán (traçabilitat) ou o castelán (trazabilidad), aínda que neste último idioma -especialmente nas súas variantes americanas- tamén se emprega moito a forma rastreabilidad, máis respectuosa co espírito da lingua.
En resumo, pensamos que rastrexabilidade ou rastreabilidade son as formas máis adecuadas para referirse en galego ao concepto no que hoxe nos centramos, a pesar de que trazabilidade ten un grao de presenza na documentación real (intensificada ademais polo feito de ser a forma maioritaria en castelán) que vai facer difícil a súa substitución total, polo menos a curto prazo.
Pero. non ha ser por non intentalo! |
----------------------------------
[1] Esta definición describe o termo no ámbito da seguridade alimentaria, aínda que tamén se emprega co mesmo sentido xenérico de 'seguir o rastro dun produto' en áreas como o desenvolvemento de software ou a loxística.
[2] Esta recomendación realizouse a través da rolda Terminoloxía do Consello da Cultura Galega.