Pasar al contenido principal

61. Datos sensibles para lectores sentimentais

Un idioma preciso

Que ninguén dos que estades lendo se me ofenda: a bromiña pataqueira que usamos como título nesta tirada intenta unicamente chamar a atención sobre o valor con que aí se emprega o adxectivo sensible.

E isto porque nesta precisión queremos volver falar de falsos amigos, como xa fixemos nos números 12 e 35, por poñer dous exemplos.

En galego, conceptos como 'que pode ser percibido polos sentidos', 'que ten sensibilidade' ou 'que se altera ou modifica con facilidade' son designados coa forma sensible. Esta palabra tamén se emprega en inglés, pero o seu valor só coincide parcialmente co que acabamos de indicar: aplícaselle ao 'que pode ser percibido polos sentidos', ao 'que pode recibir impresións sensoriais' e ao 'que amosa bo siso'.

Polo tanto, vemos que non podemos tratar como equivalentes ambas as dúas denominacións, xa que unha frase como a sensible decision (na que sensible posuiría o terceiro dos valores indicados) tería como equivalente galego unha decisión asisada e non *unha decisión sensible.

E ao revés, algún dos conceptos que en galego designamos coa forma sensible (como por exemplo o 'que ten sensibilidade') correspóndense co inglés sensitive e non con sensible. Así, unha frase como sensible ao contacto corresponderíase co inglés sensitive to touch e non cun hipotético *sensible to touch.

Pero que acabamos de dicir non implica tampouco que todos os valores do inglés sensitive poidan atribuírselle ao galego sensible, xa que en contextos como sensitive information ou sensitive matter o adxectivo alude a un concepto que poderiamos describir como 'que debe manterse en segredo' ou 'que ten a máxima importancia', e que se corresponde moito mellor con formas galegas como secretoprivadoconfidencialrelevante ou delicado segundo os contextos.

Como conclusión de todo o devandito, debemos fuxir unha vez máis das equivalencias automáticas, pois o sensible galego non se corresponde exactamente nin co sensible nin co sensitive do inglés.

Xa que logo, debemos evitar o emprego de información sensibledatos sensibles e expresións semellantes en galego (non sendo que queiramos referirnos a 'información que ten sensibilidade', claro). No seu canto, podemos empregar algún dos adxectivos antes indicados, elixindo aquel que mellor acaia ao contexto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.