Pasar al contenido principal

51. Depurando auga por *lagunaxe

Un idioma preciso

No ámbito da xestión ambiental, á hora de propor sistemas de depuración de augas que poidan ser aplicados en pequenos núcleos de poboación, inténtase reducir todo o posible o impacto ambiental e os custos das instalacións que se crean.

Entre os diferentes sistemas que se aplican (filtro verde, infiltración rápida, escorremento superficial, leitos de turba ou area, zonas húmidas…) interésanos atender hoxe ao que por veces se nomea entre nós como *lagunaxe. Baséase en acumular a auga en pequenas lagoas[1] nas que determinadas bacterias asimilan ou metabolizan a materia orgánica, liberando anhídrido carbónico, amoníaco e sales minerais que permiten o desenvolvemento das algas, as cales fixan o anhídrido carbónico e liberan o osíxeno que pola súa parte é reutilizado polas bacterias (vid. unha imaxe ilustrativa).

Esa suposta forma galega está construída seguindo a mesma estrutura cás denominacións empregadas en portugués (lagunagem), inglés (lagooning), castelán (lagunaje), francés (lagunage) ou italiano (lagunaggio), pero esta argumentación resulta invalidada desde o momento en que a norma léxica do galego rexeita o uso de *laguna por ser un préstamo superfluo do castelán que suplanta a forma propia lagoa.[2]

Tendo iso en conta, para darlle nome ao concepto que nos ocupa deberiamos optar por neoloxismos como lagoaxe ou lacunaxe[3] –se queremos formar a palabra usando o mecanismo visto nas linguas veciñas– ou por depuración en lagoas se preferimos usar unha forma máis descritiva.

 

----------------------------------

[1] Estas reciben o nome de lagoas de estabilización (EN: stabilization lagoon, PT: lagoas de estabilização, ES: lagunas de estabilización).

[2] Pola contra, nos dicionarios portugueses esta denominación non se marca como un castelanismo, senón como un préstamo do veneciano (ou nalgúns casos, como unha evolución do latín lacuna). Amais, recóllese co significado de ‘braço de mar pouco profundo, entre ilhas ou bancos de areia’.

[3] O primeiro neoloxismo toma como base o substantivo patrimonial lagoa; o segundo, o latinismo lacuna, en paralelo ao que se fai en adxectivos como lacunoso ou lacunar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.