Pasar al contenido principal

48. No país dos monos, ouvear coma todos

Un idioma preciso

Dentro dos primates, a familia dos cébidos (Cebidae) é unha das específicas do continente americano. Un dos seus subgrupos máis “curiosos”–polo menos para os que aprendemos zooloxía vendo os documentais de despois do xantar– é o formado polas especies do xénero Alouatta.

O seu trazo anatómico máis característico é o de posuír un óso hioide moi desenvolvido, que lles serve de caixa de resonancia para amplificar os sons que emiten, que chegan a escoitarse a máis de 5 km de distancia. (Vid. imaxes e máis información sobre as características destes animais.) Esta particularidade explica por qué son coñecidos como aullador ou mono aullador en castelán, howler en inglés e hurleur en francés.

Pero estes non son os únicos nomes polos que son coñecidos, xa que en inglés, francés e catalán documentamos tamén denominacións baseadas na denominación taxonómica (alouattealouate e aluata, respectivamente); e en castelán e portugués teñen unha alta presenza préstamos das linguas amerindias, como coto ou araguato na primeira, e bugio ou guariba na segunda.[1]

Como é doado de adiviñar, as mencións que podemos atopar en galego sobre este xénero de primates son escasas. En fontes lexicográficas só o documentamos no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, onde se propoñen para eles os nomes mono ouveador[2] e coto.

Desde o noso punto de vista, se houbera razóns para potenciar en galego algunha das denominacións orixinais americanas destas especies, sería mellor recorrer ás que nos chegan a través do portugués antes ca ás que recibimos vía castelán (aínda sendo conscientes de que estas non son propiamente castelanismos), sobre todo cando –como é o caso– estas últimas non teñen ningunha tradición entre nós.

Por iso, o noso consello sería empregar mono ouveador (se se quere reducido contextualmente como ouveador) ou guariba, para referirse ás diversas especies deste xénero.

 

----------------------------------

[1] En realidade, no portugués do Brasil só se empregan nomes amerindios –estes maioritariamente, pero tamén algúns outros–; no portugués europeo estas formas conviven con macaco uivador.

[2] Para unha das especies máis estendidas (Alouatta seniculus) proponse como nome galego ouveador vermello. Pero, despois de ver imaxes do seu aspecto preguntámonos se non lle acaería mellor o nome de ouveador roxo, tendo en conta o tipo de cor ao que en galego se alude con ese adxectivo. De feito, desde o SNL aconsellamos esta segunda denominación

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.