Pasar al contenido principal

47. Algúns nomes das minusvalías: formas vulgares e cultas tratadas indistintamente?

Un idioma preciso
Unha crítica que con frecuencia reciben os dicionarios é a de que neles acóllese e reprodúcese unha visión discriminatoria e cargada de prexuízos contra determinados grupos sociais (minorías étnicas, determinadas opcións políticas, mulleres[1]…). Os seus autores adoitan defenderse alegando que o labor dun lexicógrafo non é valorar a ‘corrección’ ou ‘incorrección’ social dun determinado uso lingüístico, senón simplemente determinar e rexistrar o significado que unha sociedade concreta lle dá a unha palabra nun momento determinado.
Esta suposta asepsia esquece –na nosa opinión– que os dicionarios nunca van ser produtos neutros desde o punto de vista ideolóxico. Desde o momento en que se asume que é imposible recoller “toda a lingua”, hai que asumir igualmente que a selección de palabras e a redacción de definicións vana facer persoas que non poden liberarse da súa visión do mundo.[2]
Pero ademais, os dicionarios son tamén produtos sociais e, como tales, interactúan coa sociedade que os manexa, contribuíndo a asentar ou a superar esa visión prexuizosa. E isto é así por moito que na súa elaboración se conciban como traballos descritivos, xa que dunha forma ou doutra son sempre recibidos polos usuarios como obras que fixan un certo “canon” de lingua (o que aparece nos dicionarios percíbese como ‘máis correcto’ có que non aparece).
Por todo o anterior, parece que sería aconsellable combinar o enfoque puramente descritivo coa presenza de notas valorativas que permitisen –sen omitir a descrición de palabras e de significados vivos na lingua– introducir xuízos sobre a conveniencia de recorrer a eles en determinadas situacións comunicativas ou niveis lingüísticos.[3]
Todo este longo preámbulo vén ao caso porque hoxe queremos amosar cómo se definen nalgúns dicionarios galegos algúns termos relacionados co ámbito das deficiencias físicas ou psíquicas e coas discapacidades que estas poden provocar.
Os nomes para referirse a elas ou ás persoas que as padecen son múltiples nas diversas linguas, pero moitos deles teñen ou adquiriron connotacións negativas (subnormaldeficientemongólicoinútilinválido…), o que provocou que pouco a pouco fosen desaparecendo da comunicación técnica e incluso do rexistro estándar da lingua para deixar o seu sito a outras máis neutras (deficiencia, discapacidademinusvalía…).[4]
Porén, moitos dicionarios galegos (incluso algúns especializados) recollen e definen da mesma forma termos con valores connotativos totalmente distintos, sen informar a quen consulta de que algúns deles son percibidos hoxe como termos inapropiados para os contextos cultos. Sen ningún afán de ser exhaustivos, imos ver algúns exemplos,[5] tirados de fontes que nos parecen especialmente relevantes, ben pola súa difusión, ben pola autoridade lingüística ou técnica dos seus autores ou editores.
No Diccionario da Real Academia Galega recóllense e defínense formas como deficienteinútil,inválidominusválidomongoloidemongolismo ou subnormal, sen ningunha anotación que informe de cáles son adecuadas en contextos formais e cáles non o son.
No Gran diccionario Xerais da lingua a listaxe é máis longa, como corresponde ao maior número de entradas deste traballo, pero iso non alterou a forma de definilas nin a información que se dá sobre o seu uso, como podemos ver en deficientediscapacitadodiminuídoinútilinválidominusválido, mongoloide
Esta mesma carencia pode detectarse tamén en diccionarios técnicos, o que aínda é máis sorprendente xa que o seu obxecto de estudo é a comunicación especializada. Así por exemplo, noDiccionario galego de termos médicos non se definen termos que unicamente se presentan na lingua formal, discapacidade ou discapacitado, pero si subnormal (descrito como o ‘que ten unha idade mental inferior á que lle corresponde pola súa idade cronolóxica’ e sen ningunha outra indicación). Ou trátase mongolismo e síndrome de Down como se fosen sinónimos perfectos –e polo tanto intercambiables na mesma frase– na entrada mongólico.
No Diccionario de psicoloxía e educación atopamos tamén un tratamento semellante, como podemos comprobar en entradas como como mongolismomongoloidesubnormalidadeinvalidezinválido…).

 

Despois de todo o visto, sería necesario que os dicionarios en xeral, e os técnicos en particular, completasen as súas definicións con comentarios que nos informasen sobre o nivel de lingua en que poden ser utilizados determinados termos.

Mentres iso non ocorra, como usuarios da lingua debemos ser moi utilizar con cautela as fontes lexicográficas, e intentar evitar na documentación especializada ou simplemente en contextos formais o uso de termos que, polas súas connotacións, van resultar inadecuados para os potenciais receptores da mensaxe.

 

----------------------------------
[1] O sexismo latente na produción lexicográfica é un tema ben estudado, como podemos ver aquí ou aquí, para o castelán, ou no traballo de Aurora Marco “Estereotipos sexistas em dicionários escolares”, Agália, 28: 433-443.
[2] Por exemplo, os termos lingüísticos adoitan ter unha presenza moi alta nos dicionarios debida en boa medida a que, en xeral, a maioría dos autores teñen unha formación específica neste ámbito.
[3] É unha estratexia que xa se vén empregando en certos casos, como cando se nos indica que cachola é un nome festivo para designar a cabeza das persoas, que pis é un termo da linguaxe infantil para referirse á urina, ou que cona é un nome popular para referirse á vulva.
[4] Na Clasificación Internacional do funcionamento, da deficiencia e da saúde (CIF) –que pode consultarse aquí– a Organización Mundial da Saúde fixa o alcance deses tres termos e propón unha serie de condicións de uso que cada vez están máis presentes en ámbitos técnicos e que os diccionarios –polo menos os especializados– deberían ter en conta á hora de definilos.
[5] En moitos deles, os sinónimos ou formas semellantes a que se remite, ou os exemplos que pretenden ilustrar a definición tamén serían dignos de comentario, pero non é este o lugar para facer unha análise tan detallada.

     

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.