Pasar al contenido principal

45. Volvemos sobre as unidades físicas: o curie

Un idioma preciso

Volvemos hoxe sobre un tema que xa tratamos na Precisión que inaugurou esta sección: a forma en que se deben grafar en galego determinadas unidades físicas, e as vacilacións que ás veces se detectan nos nosos dicionarios.

Actualmente, a actividade radiactiva mídese por medio do becquerel (Bq) (EN: becquerel; PT: becquerel; ES: becquerel[1]; FR: becquerel), unha unidade derivada do Sistema Internacional que é igual á actividade dunha fonte que produce unha transformación ou transición nuclear por segundo.

Pero en paralelo, o Comité Internacional de Pesos e Medidas (CIPM) autorizou o uso temporal doutra unidade para medir a mesma magnitude, aínda que aconsella non potenciar o seu emprego. Esta unidade recibe en inglés o nome de curie (Ci) na honra de Marie Curie, e é integrado sen ningunha adaptación en portugués (curie) e francés (curie). En castelán admítese o uso de curie e de curio, aínda que se considera preferible a primeira.

En galego, a maior parte dos dicionarios e vocabularios que recollen este concepto optan por empregar a denominación curie (Vocabulario ortográfico da lingua galegaE-EstravizEnciclopedia galega universalDiccionario das ciencias da natureza e a saúde…), non só por harmonización coas outras linguas e por coherencia coa tendencia perceptible nas últimas obras normativas galegas de recorrer á denominación internacional á hora de nomear as unidades físicas. É que ademais, se optásemos pola forma adaptada estariamos fomentando a confusión co elemento químico de símbolo Cm e número atómico 96, denominado en galego curio[2] (EN: curium; PT: cúrio; ES: curio; FR: curium).

Chegados aquí estarédesvos preguntando: "ben, pero que é o que cómpre precisar? U-lo problema?". Pois habelo, haino.

Por exemplo, dous dicionarios tan difundidos e recentes como o Gran diccionario Xerais e o Diccionario galego de termos médicos dan unha definición de curio que remite claramente á unidade física e non ao elemento químico. E no segundo deles -revisado lingüisticamente polo Seminario de Lexicografía da RAG- a confusión é aínda máis evidente, pois ao lado de curio aparecen entradas como curiegramacurie-horacuriepuntura ou curieterapia.

Concluíndo, cremos que o nome galego máis adecuado para a unidade física é curie, e que curio debe reservarse para o elemento químico, aínda que traballos avalados polo "selo" normativo apunten en dirección contraria. Neste caso concreto, ser respectuosos coa proposta "revisada" pola RAG implica contradicir a tendencia apuntada tanto no Diccionario da Real Academia coma no Vocabulario ortográfico da lingua galega, e ignorar a promoción de solucións harmónicas coas linguas do noso contorno.

 

----------------------------------

[1] Aínda que é frecuente atopar textos nos que se recolle a forma becquerelio, as edicións máis recentes do Diccionario de la Real Academia, xa non recollen esta forma.

[2] Pódese ver un amplo artigo sobre a historia e as razóns da nomenclatura química neste traballo (páx. 91-114) publicado na Revista galega do ensino.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.