Pasar al contenido principal

38. Cleopatra entre as cobras

Un idioma preciso

O noso "ávido lector" -segundo as súas propias palabras- Ignacio Martínez remitiunos a raíz da anterior precisión unha consulta sobre un problema que a el, con moi bo criterio, lle parecía semellante.

Trátase da utilización do substantivo cobra para designar en zooloxía, tanto ás especies pertencentes á familia Colubridae como ao xénero Naja.

Os membros da primeira (chamados cobras ou colúbridos) son réptiles escamudos da familia da suborde dos ofidios caracterizados porque teñen placas cefálicas grandes e regulares, e dentes en ambas as mandíbulas e máis no maxilar palatino.

As especies do segundo xénero, que reciben o nome de naias[1] (PT: naja; ES: naja; EN: naja; FR: naja), pertencen á familia dos elápidos, pódense atopar nas rexións cálidas de África, Asia e América e caracterízanse pola potencia do seu veleno e por poderen dilatar en forma de carapucha as costelas da parte anterior do esqueleto cando se senten ameazadas. Vid. imaxe. Ademais dese nome, que é simplemente unha adaptación gráfica da denominación taxonómica, en todas as linguas do noso contorno se fai referencia a ese xénero empregando o lusismo cobra, como podemos ver en casteláninglésfrancés ou italiano.

Curiosamente, onde ese uso está menos aconsellado é na lingua de orixe do préstamo, xa que iso provocaría a coincidencia formal que motivou a consulta do noso lector. Por ese motivo, os dicionarios portugueses recomendan empregar cobra-capelo, como nome xenérico para todas as especies de Naja, aínda que a forma cobra-naja ten na práctica unha presenza maioritaria.

No caso do galego, as fontes bibliográficas empregan cobra para ambos os conceptos: o tradicional en galego e compartido co portugués (a especie dos colúbridos) e o novo (especie do xénero Naja), coincidente co valor da palabra nas linguas do noso contorno. Só os traballos concibidos desde unha óptica reintegracionista desaconsellan esta práctica e propoñen distinguir polo seu nome estas dúas subclasificacións dos ofidios. Así por exemplo no Manual de galego científico recoméndase a seguinte nomenclatura:

  • Serpente (forma popular serpe).- Réptil pertencente á suborde Ofidios dos Escamosos.
  • Cobra.- No nivel técnico serpente ou ofidio pertencente á familia Colubridae; no nivel non técnico, calquera ofidio ou serpente.
  • Cobra-capelo ou naja.- Cada unha das especies de serpentes moi velenosas do xénero Naja.

Na nosa opinión, para elaborar documentos científicos, sería aconsellable evitar a coincidencia e distinguir polo nome ambos os grupos de ofidios. Para iso poderiamos conservar o valor patrimonial de cobra e potenciar o emprego de naia ou cobra-naia para as especies do xénero Naja. En usos non técnicos, na medida en que cobra designa calquera ofidio, a posible confusión sería menos relevante.

 

O noso amigo Ignacio preguntaba tamén pola especie á que corresponde a denominación áspide, preocupado por coñecer con qué serpe se suicidou a raíña Cleopatra. Isto xa é máis complexo, pero intentaremos achegar algunha información.

Coa forma áspide[2] aludíase antigamente a calquera serpe velenosa, e actualmente designa calquera especie do xénero Cerastes -tamén chamado Aspis-. Baixando ao nivel das especies, serve para designar dúas:

  • Vipera aspis (EN: asp viper; ES: áspid; FR: vipère aspic; PT: áspide), unha víbora velenosa de colo estreito e cabeza triangular que pode chegar a medir uns 70 cm de longo e que se identifica polo debuxo en zigzag que presenta no seu lombo.
  • Naja haje, (EN: Egyptian cobraEgyptian asp; ES: cobra egipciaáspid de Cleopatra; FR: cobra d'Egypteaspic de Cléopâtre; PT: cobra egípcia).
    Os nomes vernáculos desta especie, tamén coñecida en galego como áspide de Cleopatra ou áspide de Exipto, derivan da tradición segundo a cal a raíña exipcia se suicidou empregando un exemplar desta especie.[3] Esta é unha serpe de maior tamaño (por volta duns 2 metros), que ten a cabeza pouco diferenciada do colo -se excluímos os momentos nos que dilata a carapucha, coma todas as Naja- e un lombo totalmente negro ou pardo amarelado.

Desde un punto de vista estritamente lingüístico parece preferible evitar áspide ou cobra para designar esta segunda especie -nin é un colúbrido nin pertence ao xénero Cerastes senón ao Naja- e potenciar o emprego do neoloxismo naia exipcia, aínda que tamén é verdade que incluso en portugués, a denominación cobra ten presenza para referirse a esta especie.

 

----------------------------------

[1] Esta forma documéntase no Gran diccionario Xerais da lingua.

[2] Este substantivo aparece na maioría dos traballos galegos marcado como feminino -é unha excepción parcial o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde-, pero tendo en conta que se trata dun cultismo e que en latín esta forma era feminina, probablemente deberiamos dicir 'a áspide', como de facto fan en portugués.

[3] Probablemente non se saberá nunca qué serpe matou a emperatriz, pero hai argumentacións a favor da Naja haje e outras que defenden que foi algunha especie de víbora do norte de África.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.