Pasar al contenido principal

35. Se aclaramos o sangue, de que cor se torna?

Un idioma preciso

En "precisións" anteriores (a 6, a 12...) falamos das diversas formas en que se podía manifestar a presión que o léxico dunha lingua exercía sobre o de outra.

Alí explicamos tamén qué eran os falsos amigos: parellas de palabras de dúas linguas diferentes que teñen un parecido formal (por exemplo, o inglés billion e o galego billón), razón pola cal o significado de unha delas se exporta á outra (o que nos levaría a usar billón para referirnos ao mesmo concepto ca o inglés billion), sen ter en conta que idioma receptor xa contaba cunha forma propia para referise a el (ese concepto xa se expresaba previamente en galego como mil millóns)[1].

Hoxe imos presentar o que para nós é outro exemplo de falso amigo, desta vez no ámbito da medicina. Trátase do nome empregado para designar o "proceso de eliminación dunha substancia existente no sangue cando este pasa a través dun órgano, fundamentalmente o fígado ou o ril" ou tamén a "cantidade dunha substancia que se elimina do sangue nunha unidade de tempo determinada". Obras de consulta galegas, como o Vocabulario de ciencias naturais ou o Diccionario galego de termos médicos, aconsellan usar *aclaramento (aclaramento de creatininaaclaramento de urea...).

Porén, aclarar e os seus derivados remiten en galego á idea de 'poñer máis claro', quer no sentido lumínico ("a pintura vai aclarando co tempo"), quer no de comprensibilidade ("estívome aclarando as dúbidas"), quer no de densidade ("aclarou o prebe cunha pouca auga").[2] Isto provoca que a vinculación de aclaramento aos dous conceptos definidos no parágrafo anterior pareza un pouco forzada e lle renxa a quen lea ou escoite.

Por que se recomenda entón esa forma? A resposta está, na nosa opinión, no feito de que en inglés ese mesmo concepto se nomee como clearance. Isto favorece que á hora de buscarlle un nome galego, o primeiro que se presente como dispoñible sexa o seu paralelo formal (aclaramento). Pero a aplicación da equivalencia automática falla porque en inglés clear e os seus derivados teñen acepcións que remiten á idea de 'limpeza', de 'eliminación de impurezas ou de residuos', valores que -como antes vimos- no galego só teñen unha presenza secundaria; é a ausencia desas acepcións as que nos fan percibir como forzado o uso dea forma galega.

Pero é que, ademais, o galego conta no seu corpus léxico con formas que posúen uns trazos de significado máis semellantes aos do concepto que nos ocupa; polo tanto, se os reaproveitamos, o novo termo que se forme vaise integrar con moita máis coherencia na súa familia léxica. Pensamos fundamentalmente en depurar e a súa familia léxica, que se atopan semanticamente moito máis perto do concepto ao que lle estamos buscando nome do que o están aclarar e os seu derivados.

Tendo en conta todo o anterior, a decisión máis recomendable desde o noso punto de vista é evitar o uso de aclaramento e empregar depuración. Pero é que ademais, formas practicamente idénticas recoméndanse en portugués (depuração), en catalán (depuració), e teñen tamén unha presenza significativa en castelán (depuración e aclaramiento documéntanse un número de veces moi semellante).[3]

 

----------------------------------

[1] Noutros lugares recoméndase millardo, forma desde o noso punto de vista redundante e pouco recomendable por ser claramente dependente do castelán.

[2] A única excepción ao que dicimos podería ser a acepción que o Gran Diccionario Xerais da lingua define como "Pasar a roupa enxaboada por auga soa para quitarlle o xabón".

[3] Pola contra, en francés aconséllase o uso de clairance, forma derivada de clair, paralela ao inglés clearance e ao galego aclaramento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.