32. A formación no ámbito empresarial: o coaching
Nestas últimas semanas o ámbito da economía e do traballo estanos proporcionando abondos termos que reclaman a nosa atención, se cadra porque nestas dúas áreas a presión do inglés, e o uso desta lingua como marca de calidade (como label, diría un técnico que andase á moda) son especialmente intensas.
Hoxe imos fixarnos en coaching, forma que se emprega para designar un 'método de formación e desenvolvemento profesional no que unha persoa experta e con preparación específica orienta e asesora a outro profesional, normalmente un alto cargo, na toma de decisións e na análise dos resultados, ademais de estimulalo a descubrir o seu propio potencial'. Evidentemente, trátase dunha palabra copiada literalmente do inglés, lingua na que se creou por derivación partindo do verbo to coach, equivalente do galego adestrar.
Este anglicismo penetrou con forza en todas as outras linguas europeas, pero en moitas delas estase comezando a discutir a súa idoneidade, e xorden propostas que aconsellan empregar unha palabra creada en cada unha das linguas respectivas, partindo dalgún equivalente do coach inglés e seguindo un procedemento de formación de palabras semellante. Así, en francés aconséllase o uso de accompagnement ou compagnonnage, en castelán de entrenamiento, e en catalán de entrenament ou entrenament personal.
Desde o noso punto de vista, en galego deberíase optar por unha vía semellante, fomentando o emprego dunha palabra galega para denominar ese concepto (adestramento ou adestramento personalizado serían boas opcións). Parécenos a vía máis aconsellable porque o galego ten tendencia a evitar a importación de anglicismos formados co sufixo -ing (equivalente aos galegos -axe ou -mento);[1] pero é que ademais, aínda que esa tendencia non existise, este termo en concreto é difícil de integrar na estrutura do galego, especialmente deste o punto de vista da pronuncia.[2] Porén, dicionarios moi recentes, como o Diccionario de pedagoxía (Xunta, 2002) optan por incluír coaching entre a súa lista de entradas, marcándoo como anglicismo pero sen propor ningunha outra denominación alternativa.[3]
A reticencia ao emprego de palabras galegas adoita xustificarse co adaxio de que adestramento ou adestramento personalizado son moi xenéricos e non remiten ao concepto coa precisión coa que o fai o nome inglés. Agora ben, este argumento non ten en conta un elemento fundamental: coaching parécenos preciso en galego porque só importamos un dos varios significados que esta forma pode ter en inglés (o que ten que ver co ámbito da formación no ámbito empresarial). Pero nesta lingua, esta denominación pode remitir a tantos conceptos como pode facelo entre nós adestramento (como mínimo aos relacionados co deporte e coa educación), polo que é o contexto o que elimina as posibles ambigüidades que puideran aparecer.
Tampouco nos parece que este argumento sirva para asumir a importación do termo inglés ao galego pois -se por razóns pragmáticas non se considerase adecuada ningunha das denominacións propostas- o lóxico é buscar unha alternativa dentro do propio galego.
En resumo, parécenos que coaching é un anglicismo superfluo do que podemos prescindir, pois ese concepto pode nomearse perfectamente estendendo o significado de formas galegas como adestramento ou adestramento personalizado, que se veñen aplicando a conceptos practicamente idénticos noutras áreas de especialidade, como por exemplo o mundo dos deportes. |
A pesar do devandito, somos conscientes de que é moi difícil que a proposta neolóxica venza nunha disputa na que os argumentos a favor da forma inglesa arrincan máis de razóns sociais e de prestixio ca de razóns lingüísticas. Pero por intentalo...
----------------------------------
[1] Por poñer só algúns exemplos, aconséllase emparellamento ou acoplamento como equivalente de coupling (electrónica), hospedaxe como equivalente de hosting (internet), apantallamento como equivalente de screening (electrónica) ou pontismo e balsismo como equivalentes de bungee jumping e rafting (deportes de aventura).
[2] En inglés a pronuncia aproximada sería semellante a "koutxin" ou "kotxin", insólita para un galegofalante.
[3] A definición que se ofrece neste dicionario é parcialmente diferente da indicada máis arriba, pero conserva os seus trazos básicos: o feito de tratarse dunha formación individualizada e práctica, así como un seguimento continuado.