Pasar al contenido principal

31. O debate sobre o “xénero”

Un idioma preciso

Hai só uns días a violencia que se exerce sobre as mulleres foi titular dos medios de comunicación, non por que outra vítima máis se engadise á listaxe de asasinadas, senón porque a Real Academia Española (RAE) elaborou un informe sobre a denominación violencia de género que remata recomendándolle ao Goberno do Estado que mude o nome do seu “Proyecto de ley integral contra la violencia de género” por “ Proyecto de ley integral contra la violencia doméstica”. Aquí pode ver máis información sobre o asunto.

En realidade, a polémica sobre este termo, e en xeral sobre o uso de género, para referirse en castelán a “aquella parte del comportamiento humano que tiene que ver con el sexo a fin de que no queden dudas sociales acerca de cuál es el uno y cuál es el otro” vénse manifestando desde hai varios anos, como se recolle neste artigo que fai un percorrido histórico por ela.

En galego, o uso de xénero con ese sentido está tamén moi implantado en diversas denominacións como violencia de xéneroestudos de xéneroenfoque de xéneroperspectiva de xénero

Se vemos a cuestión desde un punto de vista estritamente lingüístico é evidente que estas formas aparecen entre nós por imitación, directa ou mediatizada polo castelán, do inglés gender (gender based violencegender studies...). Como nalgúns contextos esta palabra é sinónima de sex, poderíase pensar que se trata dun préstamo superfluo que debería ser evitado entre nós. Nese caso, deberiamos recomendar o emprego dalgunha das denominacións sinónimas que conviven: violencia contra as mulleresviolencia domésticaviolencia sexistaterrorismo domésticoviolencia machista

Pero a cuestión é máis complexa: parece que o valor que gender toma nos termos que nos ocupan non é xá sinónimo de sex, senón outro que se podería definir como “the behavioral, cultural, or psychological traits typically associated with one sex”. Ademais, os termos alternativos son criticados por moitos colectivos por non abranguer aspectos fundamentais do fenómeno: así, baixo violencia doméstica ou terrorismo doméstico incluiríase a exercida entre familiares que teñan a mesma residencia –pais contra fillos, fillos contra pais, irmáns contra irmáns...– pero óbviase o elemento fundamental de que se trata dunha violencia que un sexo exerce contra o outro.[1]

Pero, aínda se atopásemos un nome que nos permitise evitar “violencia de xénero”, teriamos que buscar tamén alternativas para as outras denominacións que empregan ese elemento. Isto que é factible en teoría (sempre se pode substituír un préstamo por unha palabra creada na propia lingua) na práctica produciría resultados que dificilmente se aceptarían en ámbitos especializados (“ estudos sobre sexo?”, “estudos en función do sexo?”, “estudos sexualistas?”, “estudos sexistas?”…) .

Se miramos agora o problema con ollos máis pragmáticos decatámonos de que, aínda asumindo que o termo fose un préstamo superfluo,[2] a facilidade coa que encaixa en galego e o nivel de difusión que xa acadou fano perfectamente ‘dixerible’ polo noso sistema lingüístico. En realidade, ese significado ‘político-social’ de xénero está xa tan asumido que chegou aos dicionarios de lingua, ao revés do que ocorre en castelán: o Gran diccionario Xerais da lingua indica na acepción número 10 desta entrada que xénero é “en antropoloxía cultural, clase de persoas, segundo as súas funcións culturais en razón dos sexos”.

As linguas do noso contorno –obviamente coa excepción do inglés, onde se creou a denominación gender based violence– atópanse nunha situación semellante: conviven as denominacións inspiradas no anglicismo con outras desenvolvidas con recursos da propia lingua. Así:

Perante este panorama, resúltanos imposible ofrecer unha sentenza estrita; pero si podemos propor algunhas pautas de uso que poden servir de orientación nesta fraga.

Parece difícil suplantar todos os usos de xénero que están en discusión, tanto porque resulta complexo atopar denominacións que designen o mesmo concepto e que sexan utilizables en usos concretos, como polo alto grao de implantación do anglicismo.

Se admitimos unha forma como estudos de xénero polas razóns devanditas, non parece haber argumentos que nos permitan defender a condena de violencia de xénero

Asumindo que violencia de xénero poida ser unha denominación válida en galego, parece lóxico intentar potenciar o uso doutras que respecten máis a estrutura da lingua (violencia contra as mulleresviolencia sexista) sempre que manteñan a precisión na designación.

Violencia doméstica non pode entenderse como forma sinónima de violencia de xénero, xa que un e outro termo abranguen situacións parcialmente diferentes, como indicamos máis arriba.

 

----------------------------------

[1] De feito, neste glosario multilingüe editado pola UE, considérase que domestic violence e gender violence designan realidades distintas.

[2] Nin máis nin menos superfluos ca outros como literatura (co mesmo sentido ca bibliografía: ‘hai moita literatura publicada sobre a clonación’), que xa figuran incluso no Diccionario da Real Academia Galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.