Pasar al contenido principal

Alexandre Sotelino repite como finalista nos Premios Educa ao mellor docente

Alexandre Sotelino Losada é profesor no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC
Alexandre Sotelino Losada é profesor no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC
O profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica xa obtivo este galardón no ano 2021
Santiago de Compostela

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación Alexandre Sotelino volverá optar aos Premio Educa Abanca ao Mellor Docente de España, unha convocatoria na que xa alcanzou a máxima distinción na modalidade de educación universitaria en 2021 ademais de ter sido finalista nun total de catro ocasións, incluíndo esta última. Os premios fixeron público recentemente o baremo dos docentes nomeados e a resolución final coñecerase o vindeiro mes de febreiro nunha gala que terá lugar no contexto do Congreso Mundial de Educación Educa 2024.

Alexandre Sotelino Losada é profesor no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do grupo de investigación Esculca. As súas liñas de investigación prioritarias son educación e pedagoxía intercultural, complexidade e teoría de procesos educativos, educación internacional, educación cívica, políticas educativas, aprendizaxe-servizo e antropoloxía aplicada. De feito, a súa tese de doutoramento abordou a metodoloxía aprendizaxe-servizo nas universidades galegas. 

A actividade docente do profesor Sotelino ten recibido diversos recoñecementos. Así, o proxecto ‘Pedagoxía Intercultural e APrendizaxe-Servizo’ (PEINAS), do que é coordinador xunto a Miguel A. Santos Rego, foi tamén recoñecido nos Premios SUISIA 2021, coa insignia SUISIA Starter (Spanish universities in social innovation activities), recibindo por parte do xurado o primeiro accésit. Conta ademais cunha ampla traxectoria de investigación na que participa en numerosos proxectos autonómicos, estatais e internacionais que deron lugar a varias publicacións de impacto. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.