Pasar al contenido principal

30. Fundraising: as falaces vantaxes do inglés

Un idioma preciso

Hai unhas semanas no SNL recibimos unha consulta sobre o título dun curso de verán que a USC vai organizar durante o vindeiro mes de xullo: os seus organizadores denominárono “Fundraising e Marketing Social”.

Pedíasenos que valorásemos a conveniencia de empregar o primeiro termo en textos galegos, e despois de analizar a cuestión, chegamos á conclusión de que era preferible evitalo, proposta que non convenceu aos responsables do devandito curso, como é evidente.

Co nome de fundraising ou fund-raising, coñécese en inglés a ‘actividade organizada que consiste captar ou recadar diñeiro ou productos destinados a organizacións sen ánimo de lucro ou a campañas políticas’. Tendo en conta que nos países europeos as achegas económicas de entidades privadas a organizacións políticas están moito máis restrinxidas ou incluso prohibidas, esta actividade quedou limitada ao primeiro grupo de destinatarios –as entidades sen ánimo de lucro–, como se pode comprobar nas descricións que aparecen en calquera destes artigos (123).

Centrándose na vertente lingüística da cuestión, parece razoable aconsellar que se evite a importación do nome inglés, e defender que se desenvolva en galego un nome propio que copie de xeito máis ou menos directo o padrón do orixinal.[1]

Nas linguas do noso contorno detéctase unha situación moi parecida: a forma inglesa ten unha presencia maioritaria, pero ten que competir con esforzos relevantes por asentar denominacións autóctonas:

Con toda esta información, aconsellámoslles aos consultantes que empregasen captación de recursos ou captación de fondos, calquera delas xa documentada en textos desta mesma universidade, co ‘ éxito’ que xa vimos.

Supoñemos que detrás do rexeitamento a prescindir do inglés está a idea de que a denominación galega remite a un concepto máis xenérico, no que non figuraría a mención ao obxectivo non lucrativo da entidade que recibe os fondos. Pero o certo é que tal nivel de precisión tampouco figura no termo inglés senón que –como xa vimos– o seu alcance chega como mínimo ás doazóns a organizacións políticas.[2]

Porén, cremos que tamén ten peso unha cuestión de índole sociolóxica mencionada neste artigo da vicepresidenta da Asociación de Profesionales de Fund-raising:

Históricamente, la captación de fondos en nuestro país no ha tenido una imagen fácil ni favorable: se asocia a la caridad, se relaciona con la burguesía en su forma más paternalista y negativa, y se presenta como una instrumentalización y un justificante ideológico de los recortes del Estado de bienestar.

Se a imaxe da actividade é negativa, por que non buscar un nome que a disimule e a faga máis aceptable socialmente? E para iso, que mellor ca o inglés, que ademais comporta connotacións positivas (‘modernidade’, ‘tecnicidade’...)?

Tampouco nos parece que este argumento sirva para asumir a importación do termo inglés ao galego pois –se por razóns pragmáticas non se considerase adecuada ningunha das denominacións propostas– o lóxico é buscar unha alternativa dentro do propio galego.

Por todo o devandito, seguimos aconsellando o emprego de captación de recursos ou captación de fondos como formas de denominar esta actividade. Agardemos ter máis éxito ca ata o de agora.

 

----------------------------------

[1] Este mesmo mecanismo, que en lingüística se coñece como “calco” emprégase con moita frecuencia en casos nos que –como ocorre aquí– o nome inglés é a suma de varios elementos que, se se traducen ao galego, describen axeitadamente o concepto de que se trata. Son casos semellantes a este rañaceos (EN skyscraper), fin de semana (EN week-end), autoservizo (EN self-service), balonmán (EN handball).

[2] Ademais, existen vías que permitirían mellorar a precisión designativa do concepto: desde incluír a forma inglesa ao lado –marcándoa como estranxeira, con cursiva– (“A captación de recursos –< i>fundraising– é….”) ata precisar máis a denominación (captación social de recursos?, captación de recursos sociais?, captación de recursos solidarios?...).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.