29. Cando a lei modela a lingua: egresados vs titulados
No galego común –igual ca en portugués ou español–> > > > > > > > > > un titulado é unha persoa que rematou un determinado ciclo de estudos e que recibiu un título que así o acredita. Como precisa pouco en canto ás características deses estudos, é moi frecuente que nos casos en que se poida, sexa substituído por termos con significado máis específico que aclaran o ciclo que se superou (bacharel, diplomado, licenciado, doutor...).
Amais de todas estas formas –e dalgunha máis que poderiamos apuntar– o español de América emprega egresado, para aludir á ‘persona que sale de un establecimiento docente después de haber terminado sus estudios’(Diccionario da Real Academia Española), aínda que outros dicionarios o consideran un sinónimo de “titulado”.
En galego este americanismo non tiña presenza ningunha, ata o punto de non figurar nin recollido nin desaconsellado en ningún dicionario, quer monolingüe quer bilingüe.[1] E dicimos ben, “tiña”, porque desde hai uns poucos anos as cousas están cambiando por unha decisión lingüístico-política da Administración educativa estatal.
O proceso de avaliación do sistema universitario español organízase segundo as directrices trazadas pola Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). Nelas comezou a distinguirse con moita frecuencia entre as figuras do egresado e do titulado, definindo o primeiro como o ‘alumno que ha completado todos los créditos que conforman el plan de estudio, sin considerar si ha solicitado o no el título universitario’ (Glosario de términos de indicadores del Consejo de Coordinación Universitaria). Pola contra, o titulado só o é desde o momento en que pode acreditar os seus estudos cun documento oficial.
Na medida en que esta distinción conceptual –por moi feble que poida parecer– se plasma en documentos que deben ser aplicados polas universidades galegas, ten que recollerse tamén en galego, e manifestarse por medio de dous nomes diferentes.[2]
Se temos en conta que o termo usado en castelán é un cultismo de orixe latina perfectamente integrable nas linguas románicas –deriva case sen modificacións do latín egressu–, e que ademais establece unha relación de paralelismo coa familia de ingreso (ingresar, ingresado...); se temos en conta todo iso, parece razoable admitir que egresado sirva para darlle nome ao novo concepto, tal como se vén facendo na práctica tanto en catalán como en galego.[3]
Xa que logo, hai que ter en conta que –polo menos no ámbito da administración educativa– egresado e titulado non poden tratarse como sinónimos, senón como termos moi próximos que en certos contextos poden ser intercambiables, pero que noutros se opoñen entre si polo trazo máis arriba indicado. |
----------------------------------
[1] Só no Dicionário Sotelo Blanco da lingua galega aparece recollido egresar, que se define xenericamente como ‘saír’.
[2] Con algunhas particularidades, é un fenómeno semellante á distinción que o sistema penal español fai entre os delictos de soborno e cohecho, denominados en galego suborno e suborno de funcionario.
[3] Neste caso, comprobar cál é a práctica habitual en linguas como o portugués ou o inglés non nos serve de axuda, xa que a distinción entre os dous conceptos (e o problema terminolóxico conseguinte) está limitada ao ámbito do estado español.