Pasar al contenido principal

28. As letras gregas na ciencia moderna: o caso do χ

Un idioma preciso

As letras do alfabeto grego son símbolos gráficos moi utilizados na ciencia moderna para denominar conceptos en disciplinas moi diversas: as cadeas alfa (α), beta (β), gamma (γ), delta (δ), épsilon (ε), kappa (κ), lambda (λ)... en bioquímica; os raios alfa (α), beta (β), gamma (γ)... en física ou as estrelas alfa (α), beta (β), gamma (γ)... en astronomía son tres exemplos do uso que desas unidades se fai, sobre todo para nomear series de conceptos que comparten trazos básicos.

 

Aínda que os símbolos son os mesmos en todas as linguas, os nomes con que se coñecen varían dunhas a outras, xa que intentan reproducir a pronuncia orixinal tomando como base as letras que figuran do alfabeto do idioma respectivo.

 

Así, a sexta letra do alfabeto grego (ζ), que se pronunciaba como [dz] (d + s sonoro) é denominada zeta en galego e inglészeta ou dzeta en portugués, zêta ou dzéta en francés, e dseta ou dzeta en español. Pola contra, a oitava (θ), que se pronunciaba como un ‘t’ cunha aspiración posterior, coñécese como theta en galego e inglésthêta en francés, teta ou theta en portugués e zeta en español[1].

 

A letra χ emprégase en estatística en denominacións como χ2(“variable aleatoria continua que resulta da suma do cadrado dun número de variables normais estandarizadas independentes”) e nas súas derivadas distribución χ2ou test χ2. En grego, esa letra representaba un son semellante ao do -k- seguido dunha aspiración, e as linguas modernas, á hora de buscarlle un nome optaron por focalizar a súa atención en un deses dous elementos fónicos:

  • As que toman como base o -k- elixen nomes que na lingua correspondente permiten pronuncias moi semellantes á do /k/ (chi –pronunciado /ki/– en inglés, qui en portugués...).
  • As que se fixan na aspiración, intentan reproducir coas letras do seu alfabeto ese son aspirado –ou un moi semellante, como o velar. De aí procede a denominación ji que se aconsella para o castelán.

En galego, esa secuencia de /k/ + aspiración adoita representarse por medio da combinación -kh-, como podemos comprobar en exemplos como khankhanatokharxakhmerkolkhozsikhsovkhozstakhanovismo... En coherencia con iso, fontes como o Gran diccionario Xerais da lingua e o Vocabulario ortográfico da lingua galega, propoñen khi como nome para ese grafema, solución que tamén foi a escollida polo francés (khi).

 

Xa que logo, os conceptos estatísticos aos que máis arriba faciamos referencia deben nomearse en galego como khi cadradodistribución (de) khi cadrado ou test (de) khi cadrado, para manter a coherencia denominativa coa letra que lles dá nome. En consecuencia, débese evitar o uso dunha forma como *chi cadrado, espallada por imitación do inglés,[2] que rompe a vinculación existente entre o nome que recibe o concepto estatístico e a letra que lle dá orixe, e que nin seguera reproduce aproximadamente o son orixinal do grafema grego (en inglés o ch- lese como /k/, pero en galego a tendencia vai ser a de lelo igual ca o de “chover”).

 

----------------------------------

[1] Aínda que nos dicionarios máis importantes non se recolle, tamén é frecuente a denominación theta.

[2] Aparece recollida en fontes como o Léxico básico de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación e no Diccionario galego de termos médicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.