26. Cando choven pedras do ceo
É unha evidencia xa moitas veces citada que cada grupo social interpreta e conceptualiza dunha forma particular o contorno en que vive, focalizando e matizando aqueles elementos que máis inciden sobre el.
Isto provoca que realidades percibidas como únicas nunhas sociedades sexan doadamente diferenciables noutras, que segmentan no seu interior unha multiplicidade de conceptos –aos que normalmente lles corresponden nomes distintos.
O proceso que acabamos de describir é especialmente frecuente no ámbito da meteoroloxía, pois aqueles fenómenos que se producen con moita frecuencia nun lugar acaban sendo identificados polos falantes cun nome particular. Así podemos comprobalo -sen recorrer ao exemplo tópico das ducias de nomes que os inuits supostamente empregan para a neve, que por outra parte parece ser falso- fixándonos na variedade de tipos de brétema (borraxeira, bruma, mera...) ou chuvia miúda (orballo, chuvisca...) que distinguimos en Galiza, cuxos nomes por veces son importados polo castelán para describir o fenómeno correspondente. Pola contra, cando eses fenómenos son menos frecuentes nunha rexión concreta, non é raro que se acaben solapando con outros cos que presentan certas semellanzas e, en consecuencia, recibindo unha denominación única.[1]
É en certa medida o que lles acontece aos dous termos nos que nos imos centrar hoxe: a sarabia e o pedrazo. Ambos teñen unha base conceptual común, pois designan un 'tipo de precipitación sólida que consiste en pedras redondeadas de xeo que caen violentamente ao chan', pero naquelas zonas en que estes meteoros son frecuentes, os falantes establecen unha distinción entre elas baseada no tamaño das pedras. Esta diferenciación espontánea foi aproveitada e sistematizada pola meteoroloxía[2], que distingue entre:
- O conxunto de grans de xeo arrendondados e de diámetro inferior a 5 mm, formados por capas concéntricas e de grosor variable, difíciles de crebar e de esmagar, procedentes da condensación do vapor de auga atmosférico (EN: graupel, FR: grésil, ES: granizo)[3].
- O tipo de precipitación sólida consistente en pedras de xeo arredondadas pero de tamaño maior aos 5 mm, que pode alcanzar inclusive varios centímetros de diámetro (EN: hail, FR: grêle, ES: pedrisco).
Tendo en conta que este non é un fenómeno común no clima galego, non pode sorprender que na lingua común de amplas zonas de Galiza esa diferenza se solape e sarabia (ou as súas variantes "saraiba" ou "sarabea") e pedrazo (tamén chamado "pedra") se usen indistintamente. Como é do caso, os dicionarios galegos (Gran diccionario Xerais da lingua, Diccionario Cumio da lingua galega, Diccionario Xerais castelán-galego, Vocabulario das Ciencias Naturais...) documentan esa realidade e presentan as dúas palabras como sinónimas.
Logo de todo o anterior, parece razoable asumir que na lingua común a información sobre o tamaño do gran de xeo non sexa relevante e que sarabia e pedrazo (ou as súas variantes) poidan funcionar como sinónimos. Pero nos usos especializados debemos intentar distinguir os dous fenómenos da forma en que nos recomenda o Diccionario galego de xeografía, se queremos que as mensaxes manteñan a precisión técnica exixible. |
----------------------------------
[1] Por exemplo, segundo o cuarto volume do Atlas lingüístico galego, en zonas costeiras do sur da Coruña e de Pontevedra, fenómenos atmosféricos como o "lazo", o "xeo", a "xeada" ou incluso a "sarabia" son coñecidos como neve.
[2] É un proceso paralelo ao descrito noutras precisións anteriores ('desbrozar' vs 'rozar' ou 'cuarzo' vs 'seixo' ). Tamén alí, matices dos conceptos que non teñen relevancia no nivel da lingua común convértense en fundamentais en ámbitos especializados.
[3] En castelán non é infrecuente atopar a denominación granizo para os dous conceptos que aquí presentamos.