Pasar al contenido principal

25. Desbrozar vs rozar: os matices tamén son importantes.

Un idioma preciso

Non é a primeira vez que falamos nestas precisións de que en por veces os dicionarios galegos, sobre todo os bilingües, propoñen equivalencias que son acaídas para un determinado nivel de lingua –case sempre o nivel xeral– pero que non encaixan na lingua especializada.

Esta cuestión convértese en problemática –cando en principio non tería por qué selo– cando o limiar do traballo non especifica o seu alcance, e cando este é manexado por usuarios cun coñecemento limitado das pautas de utilización das obras lexicográficas e terminográficas. Nese caso, non é raro que se extrapole a resposta ofrecida polo dicionario a un ámbito especializado, producindo así textos de calidade deficiente, normalmente por imprecisión.

Un exemplo do devandito, é a relación que algúns dicionarios e glosarios galegos (Gran diccionario Xerais da linguaXerais castelán-galegoVocabulario de historiaVocabulario do medio agrícola). presentan entre desbrozar e rozar[1]. En todos eles aconséllase evitar a primeira nos textos galegos e substituíla pola segunda.

Se nos fixamos nas definicións que acabamos de ofrecer, vemos que entre elas existe un pequeno matiz, que pode ser indiferente para o nivel da lingua xeral pero que é fundamental en ámbitos especializados: mentres que desbrozar remite á unha acción xenérica (‘limpiar’) en rozar alúdese a unha moito máis concreta (‘cortar’).

Esta leve diferenza semántica convértese en básica no mundo da silvicultura. Alí, a actividade que consiste en ‘eliminar as plantas leñosas ou herbáceas que invaden un terreo’ (denominada desbrozar en español, limpar o mato en portugués, to clear ou to brush en inglés e débroussailler en francés) pode realizarse por medio de varios procedementos:

  • Eliminando só a parte aérea da planta.
    O sistema máis habitual é cortala a ras do chan (técnica que en galego recibiu tradicionalmente o nome de roza)[2 con medios manuais ou mecánicos (motorrozadoras, trituradoras, segadoras...); aínda que tamén é posible eliminala por queima.
  • Eliminando a parte aérea e mais a radical da vexetación existente nun terreo.
    O sistema máis empregado consiste en pasar sobre a superficie unha coitela adaptada a un tractor eiruga, a cal penetra no terreo arrastrando simultaneamente as plantas e a capa superficial do solo. Tanto en galego como en español coñécese co nome de decapado.
  • Eliminando a planta con herbicidas
    Á hora de referirse a este procedemento, en galego recórrese na maioría dos casos a unha denominación idéntica á do español (desbroce químico) pero, como polo que sabemos ata o de agora deberiamos evitar ese substantivo, tamén podemos documentar algunha proposta neolóxica (tratamento fitocida).

Despois desta enumeración parece difícil defender que rozar poida ser á vez o nome xenérico que englobe todos os métodos de eliminación da vexetación e designación específica de un en concreto (o que elimina só a parte aérea da planta cortándoa), xa que iso provocaría graves ambigüidades á hora de empregalo na documentación técnica.

Xa que logo, para nós é preferible restrinxir o uso de rozar ao segundo dos que acabamos de indicar e buscar outra denominación para designar o concepto xenérico de ‘proceso silvicultural que consiste en eliminar dun terreo forestal a vexetación herbácea ou leñosa que se considera daniña’. Este oco podería ser ocupado por desbrozar e desbroza3]posto que, desde un punto de vista estritamente lingüístico, unha e outra son formas explicables por evolución propia do galego partindo do substantivo broza, que figura recollido en todos os dicionarios co significado de ‘conxunto de restos vexetais, como herba, fento, toxo, ramallos, etc.’

O devandito non implica entender desbrozar e rozar como sinónimos, senón que o segundo é un concepto máis específico que designa un tipo concreto de desbroza, que era case o único empregado na cultura rural tradicional, o que xustifica a súa identificación co concepto máis xenérico.

 

----------------------------------

[1] O Diccionario da Real Academia Galega defíneo como ‘Cortar [toxo, silvas, fentos, etc.] [nun terreo]’.

[2] En español poden atoparse os nomes roza ou desbroce, aínda que o primeiro adoita especializarse para a que se fai manualmente e o segundo para a mecanizada.

[3] Propomos desbroza antes ca desbroce porque o galego ten unha alta tendencia a designar accións relacionadas coas actividades agrícolas por medio de substantivos (deverbais) procedentes de verbos rematados en –a (cfr. con segar-segapodar-podamallar-mallasachar-sachaesfollar-esfolla...).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.