Pasar al contenido principal

24. Marte, xa estamos aquí!

Un idioma preciso

Cando un concepto chega a unha sociedade e esta busca darlle nome ábrese sempre unha disxuntiva entre a recuperación de léxico galego ou o recurso ao préstamo (da forma ou do procedemento formativo) dunha unidade doutro idioma.

Parece que nos últimos tempos o interese científico e mediático por Marte volveu espertar. As expedicións da Axencia Espacial Europea e da NASA e os indicios evidentes de que pode haber auga nese planeta foron nestes dous meses pasados nova de cabeceira de todos os medios de comunicación. Mesmo no web que amablemente nos acolle podemos atopar abondosas novas sobre o asunto.

Pero nós non queremos falar de exploracións espaciais -madia leva!- senón de cómo a aparición dunha nova realidade esixe un nome para falar dela e cómo ese nome vai aparecendo entre vacilacións, dúbidas, imprecisións... En fin, que -se fixamos o ollo ou o oído- podemos asistir en directo ao nacemento e asentamento dun neoloxismo, en concreto o que ten que darlle nome á idea ‘ pousarse un aparello mecánico sobre a superficie de Marte’.

En galego e nas linguas próximas -coa excepción do inglés que emprega sempre to land- para designar a acción de pousarse un aparello voador sobre unha superficie, empréganse distintas formas en función de cal sexa esta[1]:

  • aterrar, se se trata de solo firme (aterrar en portugués, aterrizar en español, aterrisser en francés)
  • amarar, se o obxecto se pousa sobre a auga (amarar en portugués, amerizar en español, amerisser en francés)
  • aluar, cando o obxecto se pousa sobre a superficie da Lúa (aluar en portugués, alunizar en español, alunisser en francés).

Visto esto, parecería lóxico que a forma galega que se empregase para designar esa idea de ‘ pousarse en Marte’ fose amartar -mantendo a coherencia cos casos devanditos e en paralelo ao amartar do portugués, ao amartizar do español e ao amarsisser do francés-[2] e de feito si se pode documentar o seu uso nalgúns casos.

Porén, tamén podemos recoller exemplos de *amartizar, forma que na nosa opinión debería evitarse por supor unha irregularidade na serie que forman aterraramarar e aluar.

Pero non son estas dúas as únicas formas usadas na documentación galega para nomear ese concepto. Probablemente coa idea de buscar unha maior claridade ou para evitar a repetición continua das mesmas palabras, úsanse tamén con frecuencia expresións perifrásticas como aterrar en Marte e pousarse en Marte, paralelas tamén a outras usadas nos idiomas veciños. Calquera destas dúas formas é perfectamente aceptable desde o punto de vista lingüístico, pero a segunda delas pode recibir algunha obxección desde o plano da precisión conceptual, xa que é dubidoso que un verbo como “ pousar” sexa o máis adecuado para describir a toma de contacto dos vehículos co chan marciano se, como se di neste artigo, levan incorporado un colchón de ar que lles permita amortecer o impacto (hai que supoñer que forte) contra a superficie do planeta.

----------------------------------

[1] Os diccionarios galegos máis recentes (Gran diccionario XeraisDiccionario Cumio) xa recollen estes significados desas palabras.

[2] En coherencia coa súa propia liña denominativa, o inglés emprega a denominación mars landing.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.