23. A enfermidade do momento: a "gripe dos polos"
Desde hai uns poucos anos un ten a impresión de que cunha periodicidade case anual, as alertas sanitarias saltan para protexernos perante enfermidades que para os profanos eran totalmente descoñecidas, pero que parecen supor un alto risco para a saúde se nos fixamos na repercusión que esas novas alcanzan nos medios de comunicación.
Hai agora un ano fora a síndrome respiratoria aguda grave -da que xa falamos noutra Precisión-, antes a enfermidade de Creutzfeld-Jakob, a ameaza do carbúnculo -mal chamado entre nós ántrax- que aterrou hai un par de anos aos EE. UU... e así poderiamos seguir poñendo exemplos.
Desde comezos deste ano xa temos outra doenza máis que engadir a esa listaxe: unha enfermidade infecciosa das aves, causada por cepas A do virus da gripe, que era coñecida entre os veterinarios co nome técnico de influenza aviaria, pero que está conseguindo fama mediática co nome moito máis comercial de gripe do polo. Nesta páxina da Organización Mundial da Saúde descríbense as súas características e a súa perigosidade para o ser humano.
Tamén nesta tendencia á difusión de nomes "impactantes" este caso reproduce o xa ocorrido en bastantes das alarmas sanitarias anteriores (lembremos que dúas das doenzas indicadas no primeiro parágrafo son moito máis coñecidas a nivel xeral como mal das vacas tolas e como pneumonía asiática, respectivamente), en parte polo afán dos medios de comunicación de captar a atención dos seus usuarios, pero tamén pola necesidade de simplificar e clarificar unha terminoloxía médica ou veterinaria que é difícil de entender para unha ampla porcentaxe da poboación. Como contrapartida, a comunidade científica adoita rexeitar estes nomes máis "comerciais" pola súa falta de precisión ou por introducir connotacións que non cadran ben coa vontade puramente descritiva da linguaxe técnica.
Se atendemos ao concepto do que hoxe estamos falando, esta separación entre os nomes "técnicos" e os "divulgativos" pode rastrexarse na práctica totalidade das linguas do noso contorno, nas que se documentan pares denominativos como:
nomes técnicos |
nomes de divulgación |
|
portugués |
influenza aviária |
gripe aviária, gripe do frango |
castelán |
influenza aviar |
peste aviar, gripe del pollo |
inglés |
avian influenza |
fowl plague, bird flu |
francés |
influenza aviaire |
peste aviaire, grippe du poulet |
catalán |
influença aviària |
grip del pollastre |
Un panorama paralelo, probablemente derivado do que acabamos de ver, é perceptible no caso galego. Mentres que a doenza non saltou masivamente aos medios de comunicación -a comezos deste ano- os nome que se atopan son influenza aviaria e *influenza aviar; pero a partir dese momento xorden con forza gripe do polo, gripe aviaria e *gripe aviar.
En principio, esta especialización dos nomes non debe verse como problemática, senón todo o contrario, na medida en que axuda a acadar con maior efectividade os obxectivos comunicativos que se buscan con cada tipo de texto. O que si debemos intentar é que os termos que empreguemos manteñan a corrección e o respecto pola norma lingüística do idioma, e iso non se cumpre no caso de *influenza aviar e *gripe aviar, xa que usan como adxectivo unha palabra (aviar) que nos traballos lexicográficos galegos unicamente se recolle como verbo.
Polo tanto, na nosa opinión, podemos escoller entre influenza aviaria, gripe aviaria ou gripe do(s) polo(s), dependendo de se nos movemos no nivel da lingua científica ou no da divulgación, respectivamente. |