21. “Servidumes” e “serventías”: ¿sinónimos en dereito?
Ao lema publicitario que define Galicia como o “país dos mil ríos” poderíaselle engadir como segunda parte “e dos millóns de leiras”. A extrema fragmentación do solo rústico é un trazo característico deste territorio e obriga a artellar mecanismos que permitan acceder a elas, máis alá da existencia e desenvolvemento dunha mesta rede de vías de comunicación (camiños, pistas, corredoiras, carreiros...).
O uso reiterado destes mecanismos acabou provocando o establecementod dunha serie de institucións xurídicas vixentes no dereito consuetudinario galego que permiten ao propietario dunha leira a acceder a ela a través de terreos que non lle pertencen sempre que o precise para cultivala ou atendela.
Estas institucións foron recollidas e delimitadas na Lei de dereito civil de Galicia, en concreto no seu título 3, capítulo 2, onde se distingue entre a servidume de paso e a serventía ou servicio.[1]‘o dereito a pasar por un predio alleo (o predio servente) para ir desde/a unha leira (o predio dominante) se esta se atopa situada entre outra ou outras ou se ten un acceso moi gravoso ou incómodo para o seu dono’. Por serventía enténdese ‘o paso que se efectúa sobre un terreo que non teña carácter público e do que non conste o dominio ou identidade individualizada dos que o utilizan.’ A primeira poderiamos definila como
Esta clara distinción entre os dous conceptos non se corresponde cunha claridade paralela á hora de poñerlles nome nos diccionarios galegos. Así, podemos atopar -polo menos- catro situacións distintas:
- Por veces, servidume e serventía trátanse como se foran sinónimos, anulando a diferencia conceptual que establece a Lei. Así acontece, por exemplo, no Gran diccionario Xerais da lingua, que ademais estende a sinonimia ás formas pasantía, pasaxe e paso.
- Outras veces desaconséllase o uso de servidume de paso, propondo no seu lugar pasantía ou serventía (vid. por exemplo o Léxico da administración castelán-galego)[2] o que nos deixa coa dúbida de se os dous conceptos antes vistos deben compartir a mesma denominación.
- Noutros traballos si que se aconsella empregar as dúas denominacións, pero os conceptos que se asocian con elas non parecen ser os arriba indicados.
Esto é o que se atopa ao consultar o Diccionario da Real Academia Galega, onde servidume se define como a ‘obrigación imposta sobre unha propiedade en favor doutra veciña pertencente a outro dono’ e pero serventía descríbese como o ‘camiño para unha propiedade que ten servidume de paso’. - Finalmente, hai tamén traballos que reproducen os termos recollidos na Lei de dereito civil de Galicia, definidos de forma máis ou menos científica. Así se fai na Compilación de terminoloxía xurídica castelán-galego que forma parte do proxecto Com-Forma, e tamén -cunha definición menos precisa- no Diccionario Cumio da lingua galega.
Tendo en conta que a lexislación galega establece a existencia de dous conceptos distintos, non parece adecuado defender ningunha proposta que anule ou agache esa evidencia. Polo tanto, desde o noso punto de vista cómpre asentar unha denominación diferente para cada un dos conceptos -camiño apuntado, aínda que de xeito impreciso no Diccionario académico-, e desbotar, polo menos para a linguaxe xurídica, o defendido nos dous primeiros apartados.
A elección de cáles deberían ser esas denominacións créanos tamén algunhas dúbidas, xa que a aparición de servidume en galego podería estar condicionada polo castelán servidumbre, se temos en conta que a partir de “servir” o galego desenvolveu serventía, forma que na maioría dos diccionarios galegos do século XIX e da primeira metade do XX (vid. Diccionario de diccionarios) se ofrecía como equivalente do termo castelán. Aínda así, o feito de que tanto o Diccionario académico como traballos nos que están implicados xuristas (Lei de dereito civil de Galicia, proxecto Com-Forma) opten polo mantemento da parella servidume [de paso] / serventía, unido á dificultade de atopar unha denominación substitutoria para o suposto castelanismo (¿“dereito de pasaxe”?, ¿“servicio de pasaxe”?) fan que asumamos de facto a proposta recollida nas dúas fontes devanditas. |
----------------------------------
[1] Neste artigo, presentado dentro do Congreso de Dereito Galego podemos ver unha descrición técnica das características e das diferencias de cada unha desas institucións xurídicas.
[2] Nesta obra -publicada en 1991 e avalada pola Real Academia Galega- eses dous nomes galegos son os únicos que se ofrecen como equivalentes do castelán servidumbre de paso.