18. O “CD-ROM” e as palabras exiliadas dos diccionarios
Aqueles que traballamos con asiduidade con diccionarios galegos estamos xa afeitos a sorprendernos -aínda que pareza unha contradicción- coa ausencia nestes de termos que por lóxica deberían estar recollidos, se atendemos ao uso que deles se fai na lingua habitual.
Case sempre adoitan ser palabras que ofrecen certas dúbidas en canto á súa forma, ben porque entraron recentemente no idioma ou porque son préstamos sobre os que aínda non opinaron as fontes normativas.[1]
Unha das últimas ocasións en que comprobamos esto foi cando intentamos determinar cómo nomear en galego o “tipo de disco compacto usado para reproducir imaxes na pantalla dun ordenador, que almacena a información -a cal non pode ser alterada- a través da gravación dixital na súa superficie en áreas específicas, que son lidas e transmitidas por un láser”. Na práctica totalidade das linguas do noso contorno, ese obxecto é coñecido como CD-ROM,[2] pero sorprendentemente nin esta denominación nin ese concepto representado con outro nome aparecían en traballos recentes como o Gran diccionario Xerais da lingua, o Diccionario Cumio da lingua galega ou o Diccionario Sotelo Blanco da lingua galega. Así, éranos posible saber qué era unha cazporra (“parte redonda e grosa das pólas na unión co talo”), un cazapelo (“persoa que simula traballar moi activamente sen facer nada”) ou unha cazcarra (“barro que se pega e seca nos baixos da roupa”) pero non se CD-ROM é unha forma adecuada en galego para referirse ao concepto antes citado.
Buscando noutros traballos atopamos mencións a ese obxecto en dous. O primeiro é o Vocabulario de informática (Vigo, Universidade, 1994) no que se propón como nome galego disco compacto de memoria soamente de lectura, sen mencionar a sigla que habitualmente se emprega no seu lugar, como si se fai cando se recolle a denominación do inglés. O segundo é a Enciclopedia Galega Universal, que presenta como xa integrada no galego a denominación importada do inglés CD-ROM.
Se temos que elixir entre unha desas alternativas, recomendariamos claramente a segunda por varias razóns:
|
Xa que falamos de siglas, parécenos interesante rematar comentando brevemente un par de vacilacións gráficas que normalmente provoca o uso destas formas na documentación:
- Moitas veces, non se sabe moi ben cómo marcar o plural das siglas, e así atopamos formas como *CD-ROMs; *CD-ROMS; *CD-ROM’S... En realidade, o que os manuais de estilo aconsellan é evitar engadir marcas de plural dentro da propia sigla e limitarse sinalalo nos elementos que a acompañen na frase (‘Editou un CD-ROM’ pero ‘Editou tres CD-ROM’ ou “Editou varios CD-ROM”).
- Con frecuencia, sepáranse con puntos as letras que as forman (*B.O.E., *T.A.C., *D.V.D...) cando se deben escribir todas seguidas, sen espacio entre elas nin ningunha outra separación (BOE, TAC, DVD...) xa que se len e se tratan como se fosen unha palabra nova.
----------------------------------
[1] Esto produce a impresión -totalmente subxectiva e persoal- de que se evita entran na análise do problema pola vía expeditiva de non incluír a palabra dentro do corpus de entradas do diccionario..
[2] Esta denominación é unha sigla formada en inglés pola abreviación de Compact Disk-Read Only Memory, e exportada desde alí canda o proprio obxecto.