Pasar al contenido principal

16. Na defensa do “medio ambiente”, ou do “ambiente” enteiro?

Un idioma preciso

Non se sabe moi ben se polo escaso uso do galego en áreas técnicas e científicas, pola presión que o léxico do castelán exerce sobre o este idioma ou por unha certa obsesión entre os usuarios galegos por ‘cál é a forma correcta de dicir...”, o conto é que que existen conceptos que están amplísimamente espallados na nosa sociedade e que aínda non sabemos moi ben cómo denominar.

Un dos casos máis salientables é o termo que poderiamos definir como ‘Conxunto de elementos bióticos e abióticos que integran un determinado espacio, que afectan o desenvolvemento e a supervivencia dun organismo, e que permiten o desenvolvemento dos ecosistemas’, coñecido en inglés como environment, en francés como environnement, e en castelán como medio ambiente.

A fixación dunha forma galega para este termo vén sendo debatida desde hai anos na bibliografía do país.[1] Unha das primeiras achegas foi a do Diccionario de dúbidas da lingua galega (Vigo, Ed. Galaxia, 1991)onde se afirma que o sintagma medio ambiente é redundante desde o punto de vista semántico porque tanto un coma o outro substantivo fan referencia ao mesmo concepto. Este argumento leva aos autores a aconsellar o uso de medio ou de ambiente, evitando a forma reduplicada.

Os diccionarios de lingua publicados nestes últimos anos (Diccionario da RAGGran Xerais da linguaDiccionario Cumio da lingua galega...) parecen seguir esta tese, xa que non recollen “medio ambiente” entre as súas entradas e tratan “medio” e “ambiente” como sinónimos atribuíndolles significados que parecen remitir ó concepto que aquí nos ocupa. Pola contra, os léxicos especializados que tratan este termo (Léxico do medioLéxico básico de métodos de investigación de diagnóstico en EducaciónManual de economía en galego) ofrecen como alternativas denominativas en galego tanto medio como medio ambiente.

A documentación real ofrécenos mostras abondas da existencia desta sinonimia, xa que podemos atopar exemplos de uso de medio ambiente (algúns tan significativos como o uso institucional en Consellería de Medio Ambiente), de medio e de ambiente, moitas veces incluso en alternancia na mesma fonte.

Esta alternancia tamén se pode detectar dunha forma ou doutra nalgunhas das linguas veciñas, se ben dá a impresión de que unha das denominacións leva camiño de converterse na xeralmente coñecida.

  • En portugués percíbese unha especialización xeográfica que provoca que a forma máis común en Portugal sexa ambiente mentres que no Brasil se empregue especialmente meio ambiente.
  • En catalán a variación establécese entre medi e medi ambient.

Neste panorama de indefinición, é difícil dar unha recomendación clara sobre a forma que se debe empregar en galego. Se asumimos que medio ambiente é unha forma redundante, que o seu uso entre nós vese condicionado e potenciado pola construcción homónima do castelán, e que o portugués de Portugal prioriza ambiente, parece que habería razóns para apoiar o uso preferente de medio ou de ambiente, aínda recoñecendo o peso que a forma duplicada ten na documentación galega, o que impide realizar unha condena máis explícita dela.

A elección entre medio e ambiente vai estar condicionada polo contexto (dubido que “coñecemento do medio” poida ser substituído por “coñecemento do ambiente”,) e polo feito de que só o segundo ten capacidade de desenvolver adxectivos a partir de si mesmo (podemos falar de “ enxeñería ambiental” pero non de “enxeñería medial”).

 

----------------------------------

[1] Pode verse unha compilación de todo o dito, en Alvariño, Mª del Pilar et alii (2002): “A normalización terminolóxica do léxico do medio en galego. Tres casos prácticos: contaminación-polución; medio-medio ambiente; residuo-refugallo.” in Bugarín, Mª X. et alii (eds.): VIII conferencia internacional de linguas minoritarias., Santiado de Compostela, Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.