Pasar al contenido principal

14. Castelanismos que non o parecen: os “gromos” das doenzas.

Un idioma preciso

Cando se fala de influencias do léxico doutras linguas sobre o galego os primeiros exemplos que nos veñen á cabeza son as palabras estranxeiras (spamculebróngradillajoint-venture...) que se poden atopar na documentación galega. Pero ademais destes hai outros casos nos que palabras ou frases formalmente galegas se construíron copiando mecanismos existentes noutras linguas.

Ocorre, por exemplo co adxectivo *inarámico formado sobre o modelo do castelán inalámbrico, cando o galego non conta cunha forma *arámico sobre a cal engadir o prefixo in-. Por este motivo, aconséllase o uso de sen fíos (teléfono sen fíoscomunicacións sen fíos...).
O mesmo se pode dicir sobre as expresións *codia cerebral ou *cortiza cerebral,formadas por traducción literal do castelán corteza cerebral, aproveitando o feito de que codia e corteza designan en galego e castelán respectivamente a ‘parte exterior dura que se forma en certos corpos, en particular nos alimentos como a boroa, o queixo ou o pan’. Traballos como o Diccionario galego de termos médicos, aconsellan no seu canto o emprego de córtex cerebral.

Como os termos así formados teñen aparencia de galegos, aínda que a súa creación se fixo con “ planos” doutra lingua, os usuarios acéptanos sen problemas como parte do léxico galego, e amósanse pouco dispostos a empregar propostas alternativas que intentasen evitar o calco do castelán.

Todo o que acabamos de indicar podemos velo outra volta se analizamos qué termos galegos se empregan para referirse á ‘manifestación súbita dunha enfermidade, ou recruamento dos síntomas dunha enfermidade latente’ (en castelán brote, en portugués surto, en inglés outbreak, en francés poussée ou éclosion, e en italiano focolaio).

  1. O primeiro deles é gromo e xorde polo procedemento visto en *codia cerebral. Partindo que gromo e o castelán brote son equivalentes cando designan o ‘pequeno vulto que lles sae ós vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores’ esténdese esa equivalencia ó uso que o español fai de brote no ámbito da medicina (‘un gromo de pneumonía’).
  2. A segunda proposta defende o emprego de brote[1] como forma correcta en galego dentro do ámbito das ciencias da saúde (‘un brote de pneumonía’). Esta alternativa, recomendada traballos como o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde ou o Diccionario galego de termos médicos, parece ter tamén débedas estreitas co castelán, tanto se o entendemos como un préstamo directo (como “*culebrón” ou “*gradilla”), como se pensamos que se trata dun caso idéntico a “gromo”.

Xa que logo, no plano teórico sería razoable defender a substitución desas formas por unha denominación galega non dependente do castelán, que se achegase ó portugués[2] ou que explotase procedementos autónomos de formación de palabras.[3] Nembargantes, sendo realistas, parece probable que sexa brote a denominación que se acabe asentando no galego, na medida en que é recomendada en diccionarios técnicos galegos, ten unha presencia significativa na documentación real e recibe o aval suplementario que para a súa difusión é a coincidencia co termo castelán.

 

----------------------------------

[1] Diccionarios de gran difusión valoran de maneira oposta esta palabra. Mentres que o Diccionario da Real Academia Galega a inclúe explicitamente dentro do léxico galego, o Gran diccionario Xerais, publicado tres anos despois, desaconsella o seu uso.

[2] De feito, no Diccionario Sotelo Blanco da lingua galega, que aposta porque o portugués xogue un papel máis relevante na modernización do léxico galego, proponse o emprego de surto para o concepto que nos ocupa.

[3] Así, por procedementos derivativos, e partindo da idea de ‘xurdir’ ou de ‘eclosionar’ que está presente en todas as denominacións das linguas do contorno, poderíanse realizar propostas como “xurdimento”, “ surxencia” ou “eclosión”. Tamén sería posible propor termos baseados en analoxías ou metáforas, como por exemplo, estendendo á área da medicina o substantivo “illó”, que designa o ‘punto concreto onde abrolla a auga nun terreo’ (‘detectouse un illó de pneumonía na cidade X’).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.