12. Sobre a "sindrome respiratoria aguda severa" e outras 'severidades' en medicina
Cando se menciona a presión que o inglés exerce sobre o léxico das outras linguas occidentais, debido ó seu lugar central como vehículo de transmisión de coñecementos técnicos e científicos, os primeiros exemplos que nos pasan pola cabeza son formas como estrés (vid. Precisión 6), software, leasing, escáner... que directamente, ou detrás dunha carauta galeguizada manteñen a súa substancia angloamericana. Pero ademais deste influxo perceptible á primeira vista hai outro máis difícil de detectar pero polo menos tan grave, consistente en atribuírlle a unha palabra galega (ou castelá, ou portuguesa...) un significado que realmente lle corresponde a outra polo feito de que a forma inglesa que transmite ese significado é semellante formalmente á primeira. Por aclaralo cun exemplo:
Na terminoloxía xurídica galega, delicto e crime aluden a conceptos distintos: o primeiro é un 'Quebrantamento da lei' en sentido xenérico, mentres que o segundo é un 'Delicto que consiste en matar a alguén' (definicións tiradas do Diccionario da Real Academia Galega). Nembargantes, é cada vez máis frecuente que o segundo asuma tamén o significado do primeiro -pensemos en frases como crime organizado- por influxo do inglés crime, que ten un valor equivalente ó do noso delicto.[1]
Todo esto vén ó caso da recente irrupción mediática da que algún medio bautizou como "a primeira epidemia do século síndrome respiratoria aguda severa, tamén coñecida como pneumonía atípica ou pneumonía asiática (vid. información sobre ela aquí, aquí ou aquí). O nome desta doenza é unha translación do inglés severe acute respiratory syndrome, e esta translación automática distorsiona o significado do adxectivo severo, que se aplica unicamente ás persoas e que poderiamos definir como 'Que non amosa indulxencia nin comprensión perante as feblezas doutra persoa' para atribuírlle o valor que na nosa lingua ten grave.
Este uso distorsionado, especialmente frecuente no ámbito da medicina, onde podemos atopar denominacións como discapacidade severa, inmunodeficiencia severa, dermatite severa, etc., é criticado por lingüístas e por profesionais da medicina, tanto en castelán como en portugués e francés. Así, o Departamento de Español Urgente da Axencia EFE afirma que:
"Por influencia del inglés, está penetrando en el español este vocablo, que tradicionalmente no quiere decir siempre lo mismo en una lengua que en la otra. En inglés severe se emplea, sobre todo en medicina, con el sentido de fuerte, intenso, agudo, pronunciado, grave, serio. Un dolor agudo, un fuerte dolor de cabeza. En español "severo" se aplica sólo a personas, no a cosas, y quiere decir "adusto, rígido, riguroso". También el inglés tiene este sentido, pero no es de uso tan común como en español."
Igualmente, revistas médicas como a da Sociedad Española de Alergología e Inmunología Clínica ou Panacea defenden opinións idénticas.
Esa mesma opinión podemos atopala en artigos portugueses ou listaxes de falsos amigos nesa lingua.
Todos os datos que acabamos de sinalar deixan ben claro que en galego deberiamos evitar o emprego de *severo na denominación desa doenza respiratoria, recorrendo no seu lugar a síndrome respiratoria aguda grave, forma que xa se pode documentar en galego[2], que é maioritaria en portugués e que tamén ten un certo uso en castelán. |
----------------------------------
[1] Poderiamos presentar moitos outros exemplos destas parellas de palabras, denominadas falsos amigos, como o emprego de *librería por biblioteca, por influxo de library (en "librería de programas"), o de *sensitivo por sensible, por causa do inglés sensitive (en "un asunto sensitivo"), ou o de *colexio por facultade, influenciado polo inglés college.
[2] Partindo desa denominación a forma abreviada desa patoloxía en galego sería SRAG.