Pasar al contenido principal

11. Acosando o mobbing

Un idioma preciso

Un dos requirimentos básicos para intentar evitar que préstamos que non se consideran adecuados se asenten nun idioma é ser capaces de propor rapidamente solucións alternativas, que impidan que estes acaden un uso xeneralizado. Cando a extensión e a difusión do préstamo xa chegou a capas moi amplas da sociedade e á lingua non especializada é probable que todos os esforzos por substituíla por unha forma de noso sexan inútiles –e iso con independencia da calidade e da precisión que teñan as propostas alternativas–.

Valla como exemplo do devandito o escaso éxito dos intentos de substituír stress ou estrés por tensión, (vid. Precisión 6) ou a repercusión practicamente nula que acadaron as propostas soporte físico e soporte lóxico como alternativas preferidas de hardware e software respectivamente, recollidas e difundidas no Vocabulario de informática publicado pola Universidade de Vigo en 1994.

Con todo, a rapidez na intervención non garante o éxito desta, xa que un proceso de cambio como o indicado non se produce dun día para outro senón que, aínda na mellor das condicións, o habitual é que durante un período de tempo máis ou menos longo convivan a forma importada e mais unha ou varias propostas autóctonas de suplantación[1] ata que progresivamente as segundas lle vaian gañando o terreo á primeira, ou ata que o préstamo estranxeiro se instala para quedar. Esa convivencia de nomes pode crear situacións de certa confusión entre os usuarios que poden chegar a dubidar se están perante sinónimos totais ou se as distintas formas aludirán a conceptos moi próximos pero parcialmente diferentes.

Esta situación de inseguridade denominativa é frecuente en conceptos novos ou que acadan relevancia en épocas recentes. Un bo exemplo desto é o que poderiamos definir como ‘maltrato psicolóxico sistemático e continuado sufrido por un traballador, por parte dun compañeiro de traballo ou dun superior, que busca a desestabilización emocional daquel, e que pode causar graves problemas físicos e psicolóxicos’, en inglés coñecido como mobbing (aínda que tamén recibe outros nomes como workplace harassment ou workplace bullying).

É evidente que non se pode dicir que esta sexa unha realidade nova que non existía hai anos. O que si é contemporáneo é a concienciación da gravidade dese comportamento e do que ten de abuso de poder ó que se debe poñer freo, como explican con amplitude webs como as da Asociación Galega contra o Acoso Moral no TraballoMobbing ou en Assédio moral no trabalho.

A percepción da importancia do problema fai que o termo que o designaba en inglés entre con forza nas linguas románicas, entre as que o galego non ía ser unha excepción. Pero paralelamente comézanse a empregar tamén denominacións propias, como por exemplo:

  • acoso laboralacoso psicolaboralacoso no traballoacoso psicolóxico no traballofustrigamento moral (galego)
  • acoso laboralacoso moral ou acoso psicológico (español)
  • assédio moral ou assédio moral no trabalho (portugués);,
  • harcèlement moralharcèlement professionnel ou harcèlement psychologique (francés)
  • assetjament psicològic (catalán)

Estas ofrecen a vantaxe de describir con maior claridade as características básicas dese comportamento (o feito de que se trata dun ataque a outra persoa, a cualidade fundamentalmente psicolóxica dese ataque, e ámbito laboral en que se produce); así mesmo permiten evitar un anglicismo dificilmente integrable estructura lingüística das linguas romances sen alterar a súa forma. No caso galego, ademais, faise visible –tamén a través do nome– a súa relación con outro comportamento maltratador como é o acoso sexual.

Por estas razóns, consideramos preferible calquera das denominacións galegas antes có termo importando do inglés. Se tivesemos que escoller entre unha ou outra daquelas, e xa a título persoal, optariamos por acoso psicolaboral xa que nunha expresión bastante curta remite ás tres características básicas do concepto enunciadas.

 

----------------------------------

[1] Este tipo de convivencia inestable é o que podemos percibir entre a forma inglesa link, e as alternativas que se propoñen para substituíla no contexto galego (enlace e especialmente ligazón), cando fan referencia ó ‘elemento, xeralmente de hipertexto, que permite trasladarse directamente entre distintas partes dun documento ou entre uns documentos e outros’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.