Pasar al contenido principal

9. A suplantación de termos galegos por préstamos. Algúns exemplos

Un idioma preciso

É un lugar común aludir á escasa presencia do galego nos ámbitos técnicos é científicos para xustificar a necesidade de recorrer a palabras doutros idiomas cando se queren nomear determinados conceptos técnicos. Esto é unha verdade evidente en determinadas áreas, e sobre todo en niveis altos de especialización, pero non o é tanto naquelas vinculadas a actividades presentes historicamente na nosa sociedade (construcción, pesca, acuicultura, labores agroforestais...) e sobre todo cando o nivel de especialización dos conceptos é medio ou baixo.

Nestes casos, é frecuente o galego posúa termos propios para designar as distintas actividades ou obxectos, pero tamén é habitual que sexan descoñecidos para moitos dos profesionais que traballan neses sectores, o que unido á presencia masiva dos nomes casteláns ou ingleses (na documentación, nas actividades formativas, nas denominacións comerciais...) acaba asentando as formas desa lingua e limitando os nomes galegos a áreas xeográficas ou a actividades moi concretas.

Tres exemplos relacionados co mundo da fitotecnia poden ilustrar ben o que queremos amosar:

Diversas especies de plantas rubideiras, e especialmente as vides, posúen un “órgano fino e cumprido, en realidade unha folla modificada, que medra en espiral e que se enrosca ás superficies ou obxectos polos que a planta vai ascendendo”. Ese órgano, denominado en portugués gavinha ou abraço, en inglés tendril e en francés vrille ou cirre coñecíase en galego como gabián (tal como se recolle no Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González ou no Diccionario Xerais castelán-galego). Nembargantes, esta forma está sendo substituída pola denominación castelá zarcillo (ou por algunha variante disfrazada, como “zarciño”).

Cando unha planta é nova, adoita colocarse ó seu lado un elemento ríxido, normalmente unha pequena estaca á que se vai ligando a planta, e que lle axuda a sustentar o seu propio peso, resistir a forza do vento e medrar dereita. Este elemento, que tradicionalmente era unha pequena estaca de madeira era coñecida entre nós como rodriga ou arxón, como indican, por exemplo, o Gran diccionario Xerais da lingua, ou o Vocabulario do medio agrícola. En inglés ese obxecto coñécese como stake ou guy, e castelán, portugués e francés recorren ó mesmo étimo e chámanlle respectivamente tutor (tamén rodrigón), tutor, e tuteur (tamén échalas).
É probablemente esa relativa coincidencia a que provoca que en galego se empregue cada vez con máis frecuencia “titor” no canto das palabras propias antes indicadas, e “entitorado” para designar a acción de abeirar unha planta con ese tipo de soporte (suplantando o arxoamento ou enrodrigamento que cabería agardar).

En traballos hortícolas ou de xardinería é importante protexer o chan dos axentes atmosféricos ou atrasar o nacemento das herbas malas. Para acadar ese obxectivo, tradicionalmente colocábase sobre el unha capa de pallas, follas, fentos, uces ou outro material orgánico, actividade que en amplas zonas de Galicia se denominaba cubrir. Actualmente, ese labor segue realizándose de xeito semellante, empregando capas de materiais orgánicos entrenzados ou de elementos inorgánicos como celofán, la de vidro, plástico, etc.
Pero o que a nós nos interesa é que canda estes novos productos tamén se incorporaron os nomes que os designaban. Así, é frecuente escoitar ou ler en galego mencións ó “mulch” (como en inglés) para referirse ás capas de materiais, e denominar “acolchado” (igual ca en castelán; en inglés mulching) á acción de protexer o solo con elas.
Tendo en conta a denominación viva en galego que antes sinalamos, parécenos razoable potenciar o emprego de denominacións que a tomen como base para referirse ós conceptos próximos. Por eso, propomos o uso de cuberta, (en inglés mulch) para designar a capa de material que protexe o solo, e de cobertura (en inglés mulching), para referirse á acción de colocar esa capa protectora.

Como vemos, trátase de tres situacións parcialmente distintas: na primeira un castelanismo suplanta unha palabra galega viva, na segunda a forma suplantadora non é exclusivamente un castelanismo, senón que está presente en varias linguas veciñas; na terceira non hai unha suplantación estricta, senón que se desbota a vía de enriquecemento léxico autóctono que abre o emprego de “cubrir” como designación desa acción.

O que as tres poñen á vista é a posibilidade e a conveniencia de aproveitar o caudal léxico que supón o galego vivo en determinadas áreas de especialidade nas que non deixou de empregarse e desenvolveu terminoloxía propia para os niveis de especialidade máis baixos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.