Pasar al contenido principal

7. Onde se mercan reloxos de seixo?

Un idioma preciso

Esta pregunta, que pode sorprender a quen a lea sería perfectamente coherente en galego se facemos caso ás afirmacións de varios diccionarios[1] que consideran podemos empregar tanto seixo como cuarzo, para designar o ‘anhídrido de silicio, mineral moi duro e de diversas cores que cristaliza no sistema romboédrico’.

Na nosa opinión, esta proposta contradi os usos vivos en galego e permite frases tan curiosas como a que aparece no título ou como "Mercou unha peza de seixo cristalizado para a súa colección". Para a maioría dos falantes, e para varios diccionarios como o Diccionario da Real Academia Galega ou o Diccionario Cumio da lingua galega ou o Léxico de xeografía castelán-galego as dúas palabras remiten a conceptos distintos:

  • seixo é unha ‘pedra dura e lisa de pequeno tamaño, moitas veces arredondada pola erosión, e na composición da cal, frecuentemente entra unha porcentaxe considerable de cuarzo’, que tamén se denomina callaocroio ou canto.
    Ademais, designa un ‘tipo de rocha xeralmente branca e moi dura’.
  • cuarzo, pola contra, é un ‘mineral formado por óxido de silicio, moi estable en condicións ambientais normais, que cristaliza no sistema trigonal e que se atopa en rochas de todo tipo (ígneas, metamórficas e sedimentarias)’.

Polo tanto, en galego o cuarzo é un mineral que entra a formar parte de moitas rochas (o granito, por exemplo), entre elas do seixo. Pola contra, o castelán denomina cuarzo, tanto ó mineral como á rocha, e chámalle guijarro á ‘pedra dura e lisa de pequeno tamaño [...]’.

Esta falta de correspondencia exacta entre denominacións galegas e castelás puido ser a que provocou a extensión errada da equivalencia, aplicando un razoamento do tipo "se seixo é equivalente de cuarzo cando alude a ‘tipo de rocha [...]’ tamén o será cando faga referencia a ‘mineral formado por óxido de silicio [...]’.

Resumindo, dos tres conceptos con que estamos traballando a ‘pedra dura, lisa e de pequeno tamaño [...]’ denominarase en galego seixocallaocroio ou canto, e en castelán guijarro; o ‘tipo de rocha xeralmente branca e moi dura’ recibe en galego o nome de seixo e en castelán o de cuarzo; e o ‘mineral formado por óxido de silicio [...]’ debe ser designado en ambos os idiomas como cuarzo.

 

----------------------------------

[1] Entre eles algúns tan relevantes como o Gran diccionario Xerais da lingua, o Diccionario Sotelo Blanco da lingua galega, o Vocabulario de ciencias naturais castelán-galego, o Diccionario de sinónimos da lingua galega ou o Diccionario Xerais de sinónimos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.