Pasar al contenido principal

4. Anglicismos superfluos na difusión e na publicación de investigacións científicas

Un idioma preciso

A difusión dos avances técnicos e científicos realízase fundamentalmente a través de publicacións ou de encontros de investigadores nos que se poñen en común distintas experiencias. En foros internacionais, o inglés está desenvolvendo cada vez máis o papel de lingua franca, tanto para a relación entre a organización e os investigadores como para a presentación dos resultados do labor científico.

Como froito desta preeminencia termos ingleses (ou calcados deste idioma) aparecen cada vez con máis frecuencia nomeando conceptos vinculados á participación en reunións científicas, o envío ou presentacións de publicacións, etc., suplantando denominacións preexistentes nas diversas linguas ou impedindo e elaboración de propostas neolóxicas autóctonas.

A continuación recolleremos algúns dos máis frecuentes (a enumeración non pretende ser exhaustiva) e proporemos a que nós consideramos como alternativa galega máis aconsellable.

call for papers ou a call for abstracts é o primeiro acto deste tipo de eventos. Trátase dunha circular que se difunde entre os investigadores e na que se convida á participación activa no encontro científico, indicando as condicións que se deben cumprir, e solicitando o envío de comunicacións (papers ) ou de resumos (abstracts ). En galego este documento podería denominarse convocatoria á participación ou se non, convocatoria para comunicacións ou convocatoria para resumos se queremos especificar o material que se espera recibir.

Esta convocatoria fixa unha data a partir do cal non se aceptarán máis solicitudes de participación, que en inglés se denomina deadline, e que nós podemos chamar data límite ou data de remate.

Ademais dos dous tipos de documentos que xa citamos máis arriba, neste tipo de eventos adoitan presentarse tamén conferencias (conferences ), que son exposicións públicas máis longas cás comunicacións nas que un experto de prestixio recoñecido presenta un tema de alcance xeral, e murais ou pósters (posters ), que son achegas científicas moi concretas que se representan de maneira moi gráfica sobre un soporte escrito que permite que se expoñan colgadas. Igualmente é frecuente que se celebren sesións de traballo, sobre un aspecto concreto e enfocadas desde unha vertente moi práctica, que reciben en inglés o nome de workshops, e que ás que en galego poderiamos referirnos como obradoiros ou talleres, ou máis xenericamente como sesións prácticas.

A aceptación ou o rexeitamento dos materiais presentados decídea un comité científico, normalmente despois de un proceso de avaliación por expertos ou revisión por expertos (peer review ) deses materiais.

Con frecuencia preséntanse traballos que ofrecen un estudio documental exhaustivo das investigacións existentes sobre un tema determinado, ás veces como unha primeira etapa dunha investigación orixinal nesa mesma área, que en inglés se presentan como state of the art, e que no noso contorno se traducen incorrectamente como *estado da arte (ou *estado del arte, en español). En galego parece preferible empregar as expresións propias estado de cousas ou estado da cuestión.

Finalmente, todos estes traballos, pasan a incrementar a bibliografía existente sobre o tema. Ultimamente, e por influxo do inglés literature, a forma "literatura" estase empregando como sinónimo da primeira (así figura recollida, por exemplo no Gran diccionario Xerais), pero na nosa opinión non hai ningunha necesidade de recorrer ó anglicismo cando "bibliografía" describe exactamente o concepto de que se trata. O que acabamos de dicir vale tamén para "literatura gris", expresión coa que se alude a documentos científicos, técnicos ou industriais de tiraxe limitada e circulación restrinxida que non se poden acadar a través das canles habituais de venda, e que podería ser designada perfectamente como bibliografía gris ou como bibliografía subterránea se se prefire unha forma máis descritiva.

Esperamos contar con ideas, argumentos e participacións no foro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.