Pasar al contenido principal

2. "Reservorio": unha forma desaconsellable instalándose en galego

Un idioma preciso

Nestes últimos tempos, está aparecendo con frecuencia nos textos galegos a palabra reservorio, tanto cun sentido xenérico como na área de especialidade da medicina.

No primeiro dos casos presenta un significado que poderiamos definir como lugar ou obxecto no que se almacena unha substancia, especialmente auga", como se pode comprobar nos seguintes exemplos:

  • O Carballal de Coiro representa a máis importante masa de bosque autóctono da costa sur de Galicia. Ten gran valor para esta comarca, pola súa función de captador e reservorio de auga. Polos seus valores, ecolóxico, paisaxístico e recreativo, entre outros, foi declarado Espacio Natural Protexido, o que non parece suficiente para garantir a súa conservación a longo prazo. (En http://www.edugaliza.org/sala/lugares/pontevedra/coiro/htm/descripcion.htm)
  • No fondo mariño o petróleo pode permanecer durante muito tempo e perxudicar continuadamente aos seres vivos. Forma unha capa ou manto sobre o fondo, matando toda a vida nesa zona. Este petróleo depositado actuará como un reservório de substáncias tóxicas, sin que se sepa a onde irán a parar. (En http://www.adegagaliza.org/prestige/que_e_fuel.htm).

Na comunicación especializada reservorio emprégase principalmente en dúas áreas.

  • En anatomía, para designar unha "cavidade na que se almacena un líquido como o saco lagrimal, vesícula biliar, etc." (Diccionario galego de termos médicos, Santiago, Xunta de Galicia, 2002).
  • En patoloxía, para referirse a un "organismo no cal se reproducen virus, bacterias ou parasitos, e que xeralmente non se ve afectado por eles" (Diccionario galego de termos médicos, Santiago, Xunta de Galicia, 2002)

Esta palabra chegou ó galego a través do inglés reservoir , quen o tomou do francés réservoir, linguas nas cales ten un significado paralelo ó das formas galegas "encoro" ou "represa" -se se trata de auga- e "depósito", "tanque" ou "recipiente" -se se trata doutros fluídos. Outras linguas romances tomaron tamén emprestado o termo, e así atopamos hoxe reservorio, en español e reservatório en portugués.

Pero aínda que a presencia do termo nas linguas veciñas parece aconsellar a aceptación do préstamo en galego, cabe preguntarse pola súa necesidade, polo menos co significado máis xeral que presentamos en primeiro lugar, xa que segundo os contextos, formas galegas como "encoro", "depósito", "lugar de acumulación", etc. poden remitir a ese concepto coa mesma precisión có préstamo.

Máis argumentos a prol do seu uso poden darse cando o vemos como termo médico, xa que nos ámbitos especializados a harmonización coas linguas do contorno convértese nun valor básico, e ademais, as denominacións galegas antes citadas non atenderían con precisión a todos os trazos conceptuais do termo, especialmente no ámbito da patoloxía.

Pero o problema xorde agora ó comprobar que a forma máis usada na documentación galega (reservorio ) non respecta as regras de formación de palabras desta lingua. En efecto, o sufixo culto empregado en galego para crear substantivos a partir de verbos é -torio, como podemos comprobar en exemplos como comungatorio, conservatorio , deambulatorio, definitorio, observatorio , preservatorio ... Polo tanto, a forma que, sen contradicir esa pauta, se podería formar a partir de "reservar" sería reservatorio, e non un anómalo "reservorio". A denominación que propomos ten ademais a vantaxe de achegarnos ó portugués, tal como aconsella a normativa galega que se faga na terminoloxía científica e técnica, sen afastarnos en exceso dos termos empregados polas outras linguas veciñas e sen alterar os mecanismos de formación de palabras actuantes no galego.

En resumo, o noso consello é evitar o uso de reservorio en contextos nos que outras palabras galegas poidan remitir con precisión ó mesmo contexto (nos tres textos citados máis arriba, por exemplo). Nos casos en que sexa preciso recorrer ó préstamo preferiremos reservatorio antes ca reservorio polas razóns arriba indicadas, aínda asumindo que esta segunda é a forma máis empregada na documentación e -polo momento- a única rexistrada nos diccionarios galegos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.