Pasar al contenido principal

1. ¿Humedais/humidais/zonas húmidas de Galicia?

Un idioma preciso

Nun medio físico como o galego, no que a auga é protagonista destacado, necesariamente teñen que ter gran relevancia os ecosistemas de transición entre os medios terrestre e acuático. Pero o que nos interesa aquí non é facer unha descrición, nin unha valoración da súa importancia -algo que se pode atopar noutras fontes- senón analizar os nomes que empregamos en galego para falar deles.

O concepto máis xeral que agrupa toda esta variedade de ecosistemas, e que se pode definir como calquera área na que a saturación con auga é o factor dominante que determina a natureza do desenvolvemento do solo e do tipo de comunidades de plantas e animais que viven nel ou na súa superficie. A característica que todos [os ecosistemas] comparten é que o solo ou o substrato está polo menos periodicamente saturado ou cuberto con auga é denominado cos nomes de humedalhumidal ou zona húmida, como podemos comprobar rastrexando en calquera buscador.

Agora ben, o feito de que as tres formas teñan un uso real -e incluso que as tres aparezan en documentos producidos por institucións oficiais- non quere dicir que a súa calidade sexa semellante:

· Humedal é unha denominación que se debe evitar xa que presenta unha distorsión con respecto ó adxectivo do que en teoría debería proceder ("húmido").

· Humidal non presenta ese problema, xa que regulariza a relación ("húmido"> "húmidal"), pero tampouco nos parece aconsellable por integrar en galego unha solución que non é outra cousa ca un castelanismo vestido con traxe de noso. En efecto, a denominación española "humedal"rompe a liña denominativa seguida por todas as linguas do noso contorno, que empregan formas como "wetland"(inglés), "zona húmida"(portugués), "zone humide"(francés) ou "zona humida"(italiano).

· Zona húmida preséntase, xa que logo, como a mellor das tres opcións, xa que nos permite evitar a dependencia do castelán na denominación de conceptos científicos e emparenta a documentación científica en galego coa producida nas restantes linguas europeas de cultura.

Esta categoría xeral inclúe no seu interior unha gran variedade de sistemas e de paisaxes, a maioría dos cales contan con nome propio en galego. De feito, unha lingua próxima a nós, como é o catalán optou por estender o sentido dunha das súas palabras propias (aiguamoll ) e empregala como denominación para o concepto xenérico de "zona húmida".

Agora ben, desde o noso punto de vista, facer algo semellante en galego podería provocar problemas de comunicación entre os especialistas, xa que ningunha das palabras galegas ten un sentido tan xenérico como para poder abranguer toda a complexidade dese tipo de ecosistemas.

Polo tanto, a nosa proposta é potenciar o uso de "zona húmida"como denominación xenérica e empregar co seu sentido concreto as distintas formas propias do galego -e outras que non incluímos por razóns de espacio- que presentamos a continuación:

· As rías son probablemente a nosa zona húmida máis característica e defínense como os treitos finais de vales fluviais asolagados en parte ou na súa totalidade polas augas do mar, quedando polo tanto influídos polo ciclo mareal. Ademais das ben coñecidas de Muros, Arousa, Pontevedra e Vigo, destacan polo seu valor ecolóxico a de Ortigueira e a de Ribadeo

· As lagoas: lagos de dimensións reducidas que conteñen auga doce, salobre ou salgada. Entre nós destacan a lagoas litorais de LouroValdoviñoCarregal e de Vixán... ou as interiores de Antela, de Cospeito, de Sobrado...

· Os esteiros: zonas da costa onde desemboca un río e que quedan cubertas polo abalo da marea. Algúns importantes son o do Miño, o do complexo Ons-O Grove, o do Tambre, a enseada de San Simón...

· As veigas son pasteiros, prados ou pequenos bosques, normalmente situados á beira dun río, pero que non teñen por qué estalo, que se asolagan durante as épocas de máis chuvias do ano. Un exemplo salientable polo seu valor ecolóxico é a veiga de Ponteliñares.

· As brañas son terreos encharcados permanentemente, que poden estar dedicados a prado ou monte e que poden estar situados a nivel do mar (brañas de Laíño) ou a bastante altura sobre o nivel do mar (brañas de Xestoso, brañas do Xistral),

· As gándaras: terreos chans e normalmente areentos, que permanecen enchoupados de auga practicamente todo o ano e que posúen unha vexetación pouco aproveitable desde o punto de vista económico. As máis coñecidas en Galicia son as gándaras de Budiño.

· As marismas: terreos ó nivel do mar que están case sempre enlagados e cheos de lama, ó ser cubertos polas augas mariñas cando sobe a marea (marismas da Ramallosa, do Mandeo...).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2023.